A deseñadora muxiá Teresa Búa incorpora o encaixe de Camariñas á moda nacida do mundo dixital

‘Mariscadoras con luna’ é un proxecto que fusiona a creación en 3D coa artesanía // Conta co apoio financieiro das Ayudas Injuve

Teresa Búa no expositor no que amosa e explica o proceso de creación de ‘Mariscadoras con luna’ / c. c.

Teresa Búa no expositor no que amosa e explica o proceso de creación de ‘Mariscadoras con luna’ / c. c. / J. M. RAMOS

A trinta e dúas edición da Mostra do Encaixe de Camariñas segue a sorprender cada día pola súa aposta pola innovación e adaptación das puntillas aos tempos actuais. Un bo exemplo é o proxecto Mariscadoras con luna, presentado pola deseñadora muxiá Teresa Búa, no que fusiona o estudo e a creación de moda dixital coas prezadas puntillas elaboradas cos bolillos.

Búa deseñou e creou unha colección de lencería composta por kimonos e vestidos de seda. Todas as prendas están rematadas con encaixe de Camariñas e o seu proceso produtivo foi completamente dixital. O estudo e a representación dos deseños en 3D permitiulle “reducir recursos e crear unha colección sustentable”, afirma a deseñadora muxiana.

Trátase dun proxecto que levou a cabo coa colaboración do Concello de Camariñas, a través do departamento da Mostra do Encaixe, e que vai ser exposto tamén a principios de xuño no Museo do Traxe de Madrid.

A iniciativa contou ademais co apoio financieiro das Ayudas Injuve para la Creación Joven, no marco da modalidade de deseño, e está contribuíndo a poñer en valor a artesanía de Galicia a través dunha innovadora fusión coa moda dixital.

Na Mostra do Encaixe non se olvidan tampouco de quenes son as verdadeiras protagonistas desta feira internacional: as palilleiras, ás que a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, cualificou como “as verdadeiras artífices de elevar á máxima potencia unha labor artesá da que todas e todos debemos estar moi orgullosos”. Así o manifestou na sentida homenaxe que se lle tributou na sala de desfiles a todas as encaixeiras polo seu traballo “para manter viva unha tradición que xera identidade”.

A este respecto, a rexedora subliñou que “as palilleiras fan moito máis que manter aceso o lume dun oficio tradicional, porque co encaixe desenvolven unha arte cun enorme valor na industria téxtil. A alta costura, a moda en xeral e a ornamentación nútrense, aínda na actualidade, dos produtos feitos coas expertas mans das nosas palilleiras”.

No acto de homenaxe descubriuse un retrato da palilleira máis nova, Cloe, e a máis veterana, Maricarmen, pintado a man por Cayetano Lledó. Unha obra que simboliza o presente, o futuro e a historia dos encaixes de Camariñas.

LITERATURA

. A edición deste ano da Mostra do Encaixe é tamén unha das máis literarias. O escritor Alfonso de Sas presentou este sábado o libro El cementerio de los ingleses. Unha obra de ficción que está inspirada no naufraxio do HMS Serpent nas costas de Camariñas en 1890, motivo polo cal se construíu o mítico cemiterio do mesmo nome.

O autor explicou que “sempre quixen escribir sobre a experiencia dun náufrago no mar” e indicou que “a historia do Serpent pareceume fascinante e, a partir de aí, fun traballando e o volume foi medrando e collendo forma”.

Polo recinto feiral da Mostra do Encaixe tamén pasou Ana de las Heras, escritora madrileña afincada en Oleiros, para dar a coñecer a súa obra Travesías del sentir. Un libro creado a partir dun conxunto de relatos curtos cheos de humor, maxia e transformación, que narran o cotián dun xeito sinxelo grazas a pór o foco nos pequenos detalles da vida.