Un condutor tivo que ser trasladado a un centro hospitalario este sábado tras chocar co seu vehículo contra unha árbore e envorcar na localidade coruñesa de Ordes.
Segundo trasladou o 112 Galicia, o accidente produciuse sobre as 07,45 horas, no quilómetro 6 da estrada AC-409, á altura de Mercurín. Un particular que se atopaba na zona alertou á central de emerxencias detallando que o coche chocara contra unha árbore e quedara envorcado na cuneta.
Con esta información foron mobilizados até o lugar os Bombeiros de Ordes, así como os servizos sanitarios, que desprazaron até o punto ao helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que finalmente o condutor do vehículo foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Ademais, os bombeiros colaboraron para retirar ao ferido do interior do turismo, xa que, a pesar de atoparse liberado e accesible, permanecía enganchado polo cinto. No operativo participaron tamén axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal do servizo de mantemento e conservación de estradas.