Oitenta veciños e un psicólogo na loita contra a soidade en Vimianzo

O Concello, co apoio da Deputación, porá en marcha un novidoso servizo de atención psicolóxica e acompañamento para os maiores

María José Pose, á esquerda, na presentación do plan piloto /j. m. r.

María José Pose, á esquerda, na presentación do plan piloto /j. m. r. / J. M. RAMOS

Evitar a situación de soidade non desexada e axudar ás persoas maiores que a están a sufrir será o obxectivo do novo servizo de atención psicolóxica e acompañamento que porá en marcha o Concello de Vimianzo nas vindeiras semanas. Unha iniciativa xurdida do plan piloto do Plan local de loita contra a soidade impulsado pola Deputación da Coruña, no que participaron tamén os concellos de Muros e Ortigueira.

Froito do referido proxecto piloto, en Vimianzo creouse una rede veciñal da que forman parte 80 antenas (persoas colaboradoras) distribuídas polas catorce parroquias, as cales colaboran cos Servizos Sociais para detectar aqueles veciños e veciñas en situación de soidade non desexada e que, a maiores, precisan de axuda ou máis recursos.

Este novo servizo, que estará coordinado dende o departamento de Servizos Sociais, será prestado polo psicólogo Serxio Trillo, da plataforma PsicoNova, especializada no desenvolvemento de proxectos sociais nas áreas de envellecemento, igualdade, saúde e educación.

Entre as accións que se contemplan figuran a “avaliación dos estados de ánimo e cognitivo, o adestramento das funcións cognitivas básicas (memoria, atención, orientación ou funcións executivas), o acompañamento, a promoción da participación en actividades sociais e colectivas ou a intervención sobre a autoestima”, afirma a concelleira de Benestar Social, María José Pose.

Actualmente xa contan cun grupo de persoas ás que se lles ofrecerá este servizo que, segundo Pose, “se centrará máis na parte afectiva e de acompañamento”. Unha prestación, engade, “que dende Servizos Sociais non se pode ofrecer porque non temos suficientes recursos nin o persoal necesario para iso”.

Asegura que, a raíz do plan piloto desenvolvido, “detectamos que esta era unha necesidade e unha demanda social, e así llo trasladamos á deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, quen apoiou a proposta e a posta en marcha do servizo”.

Unha prestación coa que tamén contarán os veciños e veciñas de Muros e Ortigueira, e que se “fai moi necesaria en concellos coma os nosos, cunha poboación moi envellecida e que reside no medio rural”, subliña María José Pose.

A maiores, o Concello de Vimianzo vén de recibir unha axuda da Deputación para reforzar o departamento de Servizos Sociais cun servizo de atención psicolóxica social, familiar e comunitaria, “un recurso que tamén é moi necesario e demandado”, afirma a concelleira. Pose, que é psicóloga social, di que “sempre fun consciente da importancia deste servizo e agora, como responsable de Benestar Social, faremos todo o que se poida neste eido”.