Ribeira expón corenta e oito gravados a punta seca do artista silledense Manuel Colmeiro

Román Rodríguez, centro, na inauguración da mostra de Colmeiro / m.g.a.

Román Rodríguez, centro, na inauguración da mostra de Colmeiro / m.g.a. / suso souto

Baixo o título Colmeiro. Punta seca, o Museo do Gravado de Ribeira acolle unha mostra do artista silledense centrada na súa faceta de gravador, inaugurada este venres polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Na súa intervención, reivindicou o carácter “internacional, cosmopolita e contemporáneo” de Manuel Colmeiro, un dos artistas galegos máis representativos de comezos do século XX. Rodríguez dixo que a mostra descubre “unha faceta menos coñecida da súa creación: os gravados a punta seca”. Segundo sinalou, esta exposición “é un acto de xustiza” que complementa a visión pictórica de Galicia que o pintor plasmou na súa obra, a través da cal “foi quen de xuntar as correntes da visión cosmopolita coa nostalxia da terra e o rural galego, cun especial protagonismo para a figura da muller”. A mostra, que pode visitarse ata o día 30 de xuño, está composta por 48 pezas orixinais do artista, algunhas das cales se expoñen por primeira vez. Posteriormente viaxará a Vigo e á Casa de Galicia en Nova York.