Sons musicais diversos en Área

Cultura. Carballo acolle un encontro de big bands e unha audición de cámara a cargo de Alma Sarasola // Malpica e Negreira manteñen vivas as tradicionais foliadas // Na Pobra, o alumnado do instituto gozou dun concerto didáctico //Unha exposición repasa os vinte anos de traxectoria da banda rianxeira

Pola esquerda, Pablo Vidal, Vita Ivaskevica e Rafa Otero no concerto didáctico celebrado na Pobra / c.p.

Pola esquerda, Pablo Vidal, Vita Ivaskevica e Rafa Otero no concerto didáctico celebrado na Pobra / c.p. / REDACCIÓN

Redacción

O espertar da primavera trouxo aos concellos de Área unha múltiple e variada oferta musical que está a encher de sons diversos os auditorios e espazos públicos.

En Carballo, o Abril Musical comezou cunha audición de violencello e piano a cargo de alumnas do Conservatorio de Culleredo, e o vindeiro martes, día 26, terá continuidade co I Encontro de big bands, que se celebrará no auditorio do Pazo da Cultura e xuntará á Big Band do CMUS Carballo e á Big Band de Oleiros. Cada unha das agrupacións interpretará seis temas e rematarán o concerto cunha actuación conxunta.

Ao día seguinte, mércores 26, no salón de actos do Pazo da Cultura terá lugar unha audición de música de cámara a cargo da profesora do CMUS carballés Alma Sarasola. En todos os casos, o acceso é libre e de balde ata completar a capacidade.

A música da terra será a protagonista da IX Foliadiña e a XV Foliada organizadas pola Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, en Malpica de Bergantiños, o vindeiro 29 de abril. A cita é no lugar de As Pozacas, a partir das 13.00 horas. Comezará cunha sesión vermú amenizada polos grupos Arredores e Raigañas.

Pola tarde, os cativos e adultos poderán gozar de obradoiros de regueifa, a cargo da regueifeira bergantiñana Lupe Blanco; de baile, con Carme de Pontragha; e de barro, con María, do taller oleiro Feituras. A partir das 19.00 horas comezará a Foliadiña para os máis cativos e despois terá lugar a tradicional Foliada. A directiva da Asociación Cultural Raigañas convida a todas as persoas que queiran desfrutar dun día “cheo de boa música, baile, risas e parolas”.

En Rianxo, o auditorio acolle dende este venres a exposición Vinte anos de música, que permite coñecer a evolución da Banda da Escola de Música local durante as últimas dúas décadas a través de fotos, vídeos e instrumentos. Unha oportunidade única para gozar da música e coñecer a historia desta banda.

O mesmo escenario acollerá os vindeiros días 28 e 29 un festival de música clásica con recoñecidos músicos do panorama galego e internacional. O venres 28 ás 21.00 horas ofrecerá un recital de piano Adrien Gey-Galera, cunha selección de obras de diferentes compositores clásicos. O sábado 29 á mesma hora haberá un concerto de música de cámara a cargo do Conxunto Daphnis, composto por Mathieu Guignier no violín, Hans-Ljuben Richard na viola, Alec Fukuda no violonchelo e Adrien Gey-Galera de novo ao piano. Os programas dos dous concertos incluirán obras de Beethoven, Rachmaninov, Brahms, Albeniz, Chopin, Franck, Dvorak e Schumann. As entradas serán de balde ata completar o aforo.

Na localidade da Pobra do Caramiñal, máis de cen estudantes do instituto asistiron este venres ao concerto didáctico A doce vita. Sons de cine. Con Vita Ivaskevica na voz, Pablo Vidal no contrabaixo e Rafa Otero na guitarra, a rapazada de 4°, 3° e parte de 2° da ESO puido desfrutar das bandas sonoras dunha selección de recoñecidos filmes, entre os cales se atopaban Cantando bajo la lluvia, Desayuno con diamantes, Con faldas y a lo loco ou Misión imposible.

Pola súa banda, a Praza do Concello de Negreira acollerá o vindeiro xoves día 27, a partir das 13.30 horas, a Primeira Foliada Barcalesa, organizada polo grupo Os Garuleiros en colaboración ca administración local. O evento inclúe xantar popular e barra, xogos populares, sorteos e actuación de grupos das comarca. Quenes desexen participar poden enviar un correo electrónico ao enderezo garuleiros@gmail.com.

Ata a data están xa confirmados (ademais do conxunto anfitrión) Trioprata de Teo, Pandereteiras da Baña e Muxicas da Silveira. A organización tamén vende rifas (no establecemento Euronics Gran Vía) para sortear dúas cestas, un lote sorpresa e unha estancia para dúas persoas no balneario de Mondariz.