Conmoción en Muros pola morte violenta dun veciño a mans do seu fillo de 19 anos

Sucedeu en Esteiro e o mozo, que está detido, foi quen pediu axuda ao 112 // Os veciños oíron golpes tres horas antes // Afirmou que foran uns narcos os que atacaron ao seu pai

Un axente da Garda Civil diante do portal do edificio de Esteiro onde se produciu o tráxico suceso

Un axente da Garda Civil diante do portal do edificio de Esteiro onde se produciu o tráxico suceso / TVG

Redacción

A veciñanza de Esteiro e de todo o Concello de Muros ergueuse este sábado conmocionada ao coñecerse a tráxica morte de José Manuel Mayo, de 59 anos, presuntamente asasinado polo seu fillo, A. M. P, de 19 anos, que xa foi detido pola Garda Civil e a quen lle impuntan un presunto delito de homicidio.

Os feitos aconteceron na noite do venres ao sábado na vivenda familiar, e foi o presunto agresor quen alertou ás 00.42 horas ao 112 Emerxencias de Galicia solicitando asistencia para unha persoa ferida que precisaba de ser atendida canto antes. De inmediato foron mobilizados os equipos de Urxencias Sanitarias do 061, que desprazaron ata o lugar unha ambulancia, así como persoal sanitario do PAC de Muros quen, a pesares dos seus esforzos, tan só puideron certificar a morte do home, ao tempo que prestaron asistencia tamén ao mozo que, ao parecer, presentaba unha ferida na faciana.

Axentes da Policía Xudicial da Garda Civil de Noia inspeccionando o balcón da vivenda / tvg

Axentes da Policía Xudicial da Garda Civil de Noia inspeccionando o balcón da vivenda / tvg / redacción

Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos da Garda Civil de Negreira e, posteriormente, foron os axentes da Policía Xudicial de Noia quenes se fixeron cargo das investigacións. Na mañá do sábado estiveron rexistrando e tomando mostras no edificio no que residían tanto a vítima como o seu fillo, aínda que, segundo fontes da TVG, o falecido vivía no terceiro andar e o fillo no primeiro, onde tivo lugar o tráxico suceso.

Ao parecer algúns veciños xa escoitaran golpes na vivenda unhas tres horas antes e, despois diso, viron o mozo saír da casa cara a unha rúa lindeira e uns minutos máis tarde regresou, segundo divulgaron.

Desde o primeiro momento, os equipos sanitarios puideron certificar que se tratara dunha morte violenta, xa que o falecido presentaba múltiples feridas na cabeza e noutras partes do corpo, aínda que, polo momento, os investigadores non confirmaron oficialmente a arma coa que puido ser atacado. No obstante, todo apunta que puido tratarse dunha machada, un machete ou unha arma semellante. Ademais, a vivenda na que se produciron os tráxicos feitos presentaba numerosos estragos no seu mobiliario.

Inicialmente, o presunto homicida foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago para ser sometido a unha avaliación psicolóxica e para determinar tamén se podería estar afectado polo consumo de algún tipo de substancia estupefaciente.

Ao parecer, nun primeiro momento o mozo atribuíu o sucedido a uns narcotraficantes, que accederan á vivenda e agrediron o seu pai ata causarlle a morte. O corpo do falecido atopábase tendido na cociña e as primeiras investigacións apuntan a que puido ser agredido polas costas de forma sorpresiva.

A media mañá do sábado, a Garda Civil, despois das primeiras pesquisas e probas recollidas no inmoble, confirmaba a detención do mozo como presunto autor do homicidio. A investigación segue aberta e a Policía Xudicial ultima os informes previos á posta a disposición xudicial do único detido.

Aínda que a fatídica noticia causou unha fonda conmoción entre a veciñanza, quen coñecían a familia aseguran que as liortas e discusións entre pai e fillo eran frecuentes, pero ninguén podía esperar que algo así poidese acabar sucedendo na tranquila vila de Esteiro.

A vítima, José Manuel Mayo, máis coñecido no pobo polo alcume "O Peseta", estaba prexubilado dende hai uns anos pero durante moito tempo rexentou o establecemento hostaleiro A Chapa, que estaba situado na planta baixa do mesmo edificio no que residía. Era un home moi coñecido e prezado non só na vila, sentó en todo o concello e a contorna.