Oito concellos de Área acollerán este verán campos de voluntariado xuvenís

Mozos de 18 a 30 anos farán tarefas medioambientais, arqueolóxicas e etnográficas // Recollerán o patrimonio oral ao redor da Vía da Prata ou o Camiño do Inverno e elaborarán contidos audiovisuais ou unha revista dixital

Mozos e mozas que participaron o pasado verán no campamento de voluntariado do Castro de Montes Claros, na Laracha / xunta de galicia

Mozos e mozas que participaron o pasado verán no campamento de voluntariado do Castro de Montes Claros, na Laracha / xunta de galicia / josé m. ramos

Baixo o lema O verán que sempre vas lembrar, a Xunta ofrece este ano 11.200 prazas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas a nenos e mozos de 9 a 30 anos. Unha parte importante desa oferta desenvolverase en 10 concellos de Área, onde están programados 8 campos de voluntariado con 15 prazas cada un, e 6 campamentos que se desenvolverán en xullo, agosto e setembro.

Trenor, segundo pola esquerda, durante a súa visita a Cabana / Xunta

Trenor, segundo pola esquerda, durante a súa visita a Cabana / Xunta / josé m. ramos

Medio ambiente, etnografía e arqueoloxía serán os eixos centrais das actividades dos campos de voluntarios. O primeiro desenvolverase en Boiro, do 4 ó 15 de xullo. Será de temática medioambiental e social para fomentar entre a mocidade os valores da solidariedade e compromiso coa comunidade, especialmente coas persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.

Xerarase un grupo no que os participantes aprenderán o valor da diversidade e compartirán a misión de conservar o patrimonio natural e cultural galego dende unha perspectiva solidaria e inclusiva.

Do 15 ó 26 de xullo, en Boqueixón os mozos voluntarios farán unha recollida de información ao redor do Camiño de Santiago por boca das persoas maiores de Boqueixón e Vedra. Ademáis, desenvolverán unha campaña dinamizadora e promocional das rutas xacobeas da Vía da Praa, o Miñoto Ribeiro e o Camiño de Inverno mediante a creación de contidos audiovisuais.

Nese mesmo período, na Laracha, mozos e mozas de varios países farán labores de mantemento e conservación no Castro de Montes Claros. Completarán as súas tarefas con accións formativas e divulgativas sobre a conservación do patrimonio cultural. Identificarán as estruturas do poboado fortificado e aprenderán a mirar as paisaxes prehistóricas.

En Outes desenvolverase un campo arqueolóxico e patrimonial que traballará na identificación, catalogación e estudo do conxunto de dolmens do Alto das Mámoas, contribuíndo á súa posta en valor. Alí, sinalizarán e limparán os xacementos e crearán unha revista dixital.

Xa en agosto, do 6 ao 17, no ámbito das dunas de Corrubedo (Ribeira), terá lugar un campamento medioambiental co obxectivo de asegurar a protección, recuperación, fomento e difusión dos valores ambientais e do patrimonio natural do complexo dunar e as lagoas de Carregal e Vixán. Nesas mesmas datas, o castro de Lupario, de Rois, será obxecto de tarefas de escavación, prácticas de limpeza, siglado e debuxo arqueolóxico e, ao rematar os traballos, coordinados por un arqueólogo, farán un levantamento topográfico da zona escavada do xacemento.

Pola súa banda, na sede da Fundación Eduardo Pondal, en Ponteceso, organizarán un novo campo medioambiental e etnográfico na aldea do Couto. Os mozos e mozas participantes colaborarán nas actividades do programa cultural Encrucilladas e na organización doutras promovidas pola Asociación Cultural Monte Branco. Ademais, investigarán os elementos etnográficos e colleitarán patrimonio oral do lugar.

BRAÑA DA SERRA

Unha das novidades deste verán será o campamento que se desenvolverá na Braña da Serra, en Santa Comba, do 28 de agosto ó 8 de setembro. Xirará en torno á posta en valor e acondicionamento da Ruta Patrimonial pola Braña da Serra, de recente creación.

A maiores, programáronse 6 campamentos de verán, dous deles na aldea do Couto (Ponteceso), baixo os lemas Un país para pintores e poetas, do 2 ó 9 de agosto, e Isidro Parga Pondal, ciencia e cultura, do 16 ó 23.

En Melide, no Campamento Xuvenil Furelos terá lugar a iniciativa Natureza no Camiño, en cinco quendas entre o 1 de xullo e o 4 de setembro. En Porto do Son, no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto, os participantes desfrutarán da Natureza xunto ao mar. Neste caso haberá catro quendas, do 1 de xullo ó 21 de agosto.

Boiro acollerá unha experiencia semellante no Campamento Xuvenil Espiñeira baixo o lema Saborea a vida do rural, en dúas quendas: a primeira do 10 ó 17 de xullo e a segunda do 20 ó 27. E en Cabana de Bergantiños desfrutarán de aventuras na praia e natureza no albergue municipal entre os días 31 de xullo e 7 de agosto. Ofertaranse corenta prazas, segundo informou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a recente visita ao referido centro de acollemento xuvenil, na compaña do alcalde, José Muíño.

PRAZOS

Para desfrutar destes campamentos o prazo de inscrición remata o dous de maio. As bases que regulan a oferta nos campos de voluntariado poden consultarse na páxina web de Xuventude. As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta para o caso dos campamentos, ou mediante formulario en liña na páxina de Xuventude, no segundo caso.

Na provincia da Coruña a oferta de prazas é de 3.479. Ademais das actividades programadas no ámbito de Área tamén haberá campamentos en Sada, Bergondo, Vilasantar, Sobrado dos Monxes e Santiago. Están previstos tamén campos de voluntariado para a mocidade en Mesía, Coirós, Vilasantar, As Pontes e Boimorto. Asimesmo, este verán recuperaranse tamén os intercambios coas comunidades de Madrid e Cantabria e porase en marcha un novo programa coa de Castela-A Mancha.