Cinco empresas aspiran a executar as obras de mellora no Anllóns en Carballo

O obxectivo da actuación, que foi licitada por 1,2 M€, é reducir as inundacións na contorna da Cepeira

Imagen del río Anllóns.

Imagen del río Anllóns. / Deputación da Coruña

Redacción

A Xunta recibiu un total de 5 ofertas de empresas para executar as obras de mellora no río Anllóns para reducir o risco de inundacións ao seu paso pola Cepeira, en Carballo.

Esta actuación, licitada por máis de 1,2 M€ céntranse na mellora hidráulica do río na zona de Sísamo, concretamente na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552. Os traballos contan cun prazo de execución de 7 meses e enmárcanse no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

Entre as accións que se consideran máis prioritarias e que son as que se impulsan a través desta colaboración están estas obras da mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo; e as comezadas o pasado 5 de maio de remodelación do parque de San Martiño e de realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto.

Tamén se inclúen as actuacións, xa licitadas e en fase de contratación, da reforma da ponte sita na rúa Fomento, coa remodelación do leito e motas de contención augas abaixo da ponte; e a de remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol.

As actuacións apostan pola naturalización do leito e por infraestruturas verdes, fronte a solucións que afastan os ríos do seu estado natural.