A Bienal Pintor Laxeiro homenaxea o talento creador na Vía da Prata

Algo máis dunha treintena de artistas de Lalín, Ourense e Santiago que teñen esa ruta xacobea como elemento inspirador da súa obra, participan na mostra

Autoridades e organizadores da mostra na inauguración da XVI Bienal Pintor Laxeiro no museo municipal de Lalín /bernabé FDV

Autoridades e organizadores da mostra na inauguración da XVI Bienal Pintor Laxeiro no museo municipal de Lalín /bernabé FDV / sol elvira

O museo de Lalín acolle desde este venres a XVI Bienal Pintor Laxeiro que nesta edición está dedicada aos artistas de Lalín, Ourense e Santiago, que teñen como denominador común a Vía da Prata como territorio inspirador das súas obras ao longo do último século.

Promovida polo Concello de Lalín, inaugurouse este venres coa presencia do alcalde, José Crespo, e o director xeral de Cultura Anxo Lorenzo, entre outras personalidades.

Da XVI Bienal Pintor Laxeiro forman parte máis dunha trintena de creadores, artistas emerxentes e consolidados, que naceron ou viviron nunha das rutas xacobeas máis concorridas e que destacan pola súa grandeza plástica ao presentar obra baixo a temática singular do Camiño concibido como elemento xerador de experiencias artísticas.

Unha Bienal que permite descubrir as caras creativas que xorden ao longo deste territorio da Vía da Prata e que se celebra nun ano no que se está a conmemorar un acontecemento cultural de gran importancia, como é o centenario do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que desenvolveu un gran laboral cultural e de divulgación e que tamén tivo unha considerable pegada en toda a comarca de Deza.

Coincidindo coa inauguración da Bienal tamén se presentou o catálogo, editado co apoio da Consellería de Cultura.

Sinalar que o elenco de artistas que participan nesta decimosexta edición da Bienal, coa que se pretende poñer en valor o polo creativo Lalín-Ourense-Santiago e os recursos vinculados ao Camiño de Santiago, está conformado por: Parada Justel, Maside, Manuel e Elena Colmeiro, Prego, Juan Luis López García, Luis Vázquez López, Laxeiro, Virxilio, Acisclo Manzano, Buciños, Xosé Luis de Dios, Xaime Quessada, Alexandro, Vidal Souto, Antón Lamazares, Sucasas, Manuel Quintana Martelo, Pilar Taboada, Guillermo Aymerich, Gloria Alonso, Armindo Salgueiro, Antonio Taboada Willy, Vidal Payo, Gloria Alonso, Nicolás González Aller, Lino Martínez Villafínez, María José Díaz, María Meijide, Paco Lareo, Ferreiro, Enrique Vidal Abascal, Misha Bies Golas (Miguel Calvo), Noelia A Ferreira e Aitana Iglesias.

A Bienal Pintor Laxeiro celébrase desde 1993 no museo muninicipal de Lalín coma unha homanexa a unha figura central da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O impacto no mundo da creación artística de Laxeiro, 25 anos despois do seu falecemento, segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Pero a pegada de Laxeiro non só se circunscribe a este ámbito. O artista lalinense conseguiu a aprobación popular dos galegos máis alá do ámbito pictórico e académico.

Baixo esa premisa, e con motivo de ser protagonista no Día das Artes Galegas de 2022, a Xunta de Galicia puxo en marcha o pasado ano unha programación especial para difundir a súa obra e o legado en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes e o Concello.

FIGURA UNIVERSAL

José Otero Abeledo (Lalín, 1908 – Vigo, 1996), máis coñecido como Laxeiro, foi un dos maiores expoñentes da vangarda artística galega. Co seu inconfundible trazo, este lalinense universal levou a esencia de Galicia polo mundo, converténdose nun referente das nosas artes plásticas. Desde os seus inicios, estivo influenciado polo rural no que naceu e pasou a infancia. O pintor soubo absorber a cultura popular galega e transformala nunha obra innovadora que irá perfeccionando ao longo dos anos. Os seus traballos encadraranse no grupo dos Renovadores, aínda que o relato de vida e as influencias de Laxeiro farán que gocen dun estilo único e inconfundible.

Despois de residir en diferentes cidades españolas, nas que irá evolucionando artisticamente, nos anos cincuenta recalará en Bos Aires, onde fixou a súa residencia ata 1970. Este será o seu período de maior estabilidade profesional no que experimentará con novos estilos e linguaxes. Á súa volta a Galicia sucederanse as homenaxes e recoñecementos ao artista. Laxeiro gozou dun merecido prestixio ata o seu falecemento no ano 1996.