Cee acolle as acuarelas de Tracy Cheung e o Concerto das Letras coa banda de música municipal

O escritor Vicente Jesús Bernal presentará o sábado a obra 'El legado del torpedero Habana'

Concerto da Banda Municipal de Música de Cee na Praza da Constitución

Concerto da Banda Municipal de Música de Cee na Praza da Constitución / Concello de Cee

J. M. Ramos

O Concello de Cee pechará o maio cultural con pintura, literatura e música. Este mércores, día 24 ás 11.00 horas, inaugurarase na casa da cultura a mostra illusTracy Está Aquí, da acuarelista Tracy Cheung, natural de Hong Kong, que pensa que a vida é unha viaxe e que as cousas máis sinxelas poden ser fermosas.

Nelas inspírase para o delicado traballo que realiza con cores moi vivas ás veces, delicadas noutros. Nos últimos meses estivo vivindo na zona e, antes de partir cara o continente asiático, presentará unha escolma dalgunhas das súas obras, nas que os protagonistas poden ser desde un gato doméstico ata un bodegón ou algunha das fermosas paisaxes da Costa da Morte.

E o sábado, día 27 ás 19.30 horas, Vicente Jesús Bernal presentará na sala de conferencias a obra El legado del torpedero Habana. Unha traxedia ocurrida nas augas de Costa da Morte no ano 1888 e que tería unha grande repercusión a nivel nacional, e que agora recupera o referido investigador, autor tamén de Carrumeiro Chico.

E como peche á xornada, a Praza da Constitución será escenario ás 20.30 horas, do Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música de Cee, no que fará unha lembranza a Francisco Fernández del Riego, combinada con música galega e temas como Lela e Xastrería de música, interpretados como solista por Efraím Díaz, Airiños Aires, Brindis, e o himno galego.

TEMAS