Máis de vinte voluntarios uníronse á chamada de Mar de Fábula para limpar a praia de Gures

Voluntarias e voluntarios recollendo lixo mariño en Gures / mar de fábula

Voluntarias e voluntarios recollendo lixo mariño en Gures / mar de fábula / redacción

Redacción

A Asociación Mar de Fábula xuntou a 21 voluntarios (sete deles nenos) nunha nova xornada de limpeza que se desenvolveu na praia de Gures (Cee). Tras “a habitual e falsa sensación de chegar a un areal limpo, en poucos metros nos demos conta de que estabamos no lugar correcto”, afirma Virginia Barros, presidenta do colectivo.

Despois de varias horas de traballo encheron cinco sacos de cen litros con multitude de residuos mariños: anacos grandes de fibra de vidro, multitude de plásticos duros de todos os tamaños e envoltorios, bastonciños, latas e botellas de plástico. Ademais retiraron do areal algunhas nasas de polbo e un gran aparello de pesca. Parte dese lixo será reutilizado nos obradoiros artísticos que promove Mar de Fábula.

Dende o colectivo agradecen o labor, esforzo e compromiso do voluntariado “para facer do noso entorno un lugar máis compatible para todas as formas de vida que habitan este planeta”. Na limpieza participaron tamén membros da Asociación de Profesionais do Sector Turístico.