Besteiro reivindica o “escudo social” que os concellos e o Estado despregaron na pandemia

O delegado do Goberno visitou Noia co candidato socialista á alcaldía, Fran Pérez // Pediu que os votantes lembren este domingo “quen estivo atendendo os problemas da xente”

Gómez Besteiro, esquerda, co alcaldable do PSOE de Noia, Francisco Pérez, onte a carón da ría en Noia / psoe

Gómez Besteiro, esquerda, co alcaldable do PSOE de Noia, Francisco Pérez, onte a carón da ría en Noia / psoe / suso souto

O delegado do Goberno en Galicia, o socialista José Ramón Gómez Besteiro, visitou este mércores Noia, onde reivindicou o “escudo social” despregado polo Executivo central para afrontar a post pandemia. Nun percorrido pola vila acompañando ao candidato socialista, Fran Pérez, emprazou a votar o próximo domingo “lembrando quen estivo atendendo aos problemas da xente”.

Así mesmo, alertou do risco de que o voto do próximo domingo “pode facer desaparecer a rede social despregada polo Estado, que depende dunha conexión fundamental coa rede municipal” que representan os candidatos socialistas. “Foron eles os encargados de defender e xestionar os intereses e os dereitos dos veciños e das veciñas”, dixo ao respecto.

O responsable socialista lembrou a importancia da Lei de Pesca Sostible para localidades costeiras como Noia, “onde as mulleres traballadoras no marisqueo a pé, as redeiras, bateeiras ou percebeiras están a ver como esta norma recoñece o coeficiente redutor que lles ofrece mellor futuro e unha mellor xubilación”.

Pola súa banda, Fran Pérez propuxo converter o concello noiés nun “axente dinamizador” da economía local e que facilite o investimento, mentres en segundo lugar desenvolva o turismo como eixo fundamental que ata o momento “non ten sido explotado correctamente”. Pérez salientou as potencialidades da vila polo seu patrimonio histórico e natural e pola súa gastronomía, e reivindicou o seu recoñecemento dentro do Camiño de Santiago.

O PSOE denuncia ante a Xunta Electoral o PP de Trazo por “uso ilegal” do padrón

PSdeG-PSOE presentou onte ante a Xunta Electoral de Santiago unha denuncia contra o Partido Popular de Trazo polo uso do padrón municipal de habitantes por parte desta formación política. Os socialistas de Trazo acompañan a denuncia con documentos gráficos nos que se evidencia que o candidato número 3 do PP en Trazo está a realizar visitas á veciñanza do concello levando á vista no parabrisas do seu coche particular o padrón municipal de habitantes, onde figuran datos protexidos de todos os veciños de Trazo como nome e apelidos, dirección e persoas que residen en cada domicilio e data de nacemento.

“Non pode ser que os candidatos do PP anden visitando as casas co censo na man, é un asunto moi grave e unha clara vulneración da Lei electoral e da Lei de protección de datos”, afirma o candidato socialista á Alcaldía de Trazo, Eugenio Pazos, quen advirte de que “iremos ata o final do asunto para saber de onde saíron estes censos, canto tempo leva empregando o PP o padrón de habitantes de Trazo e con que finalidade”. Pazos asegura que “estamos ante as peores prácticas caciquís do PP”.