O PSOE de Silleda creará o carné +65 e o PP negociará para rexenerar Campomarzo

O candidato a reelección, Manuel Cuíña, no centro da imaxe

O candidato a reelección, Manuel Cuíña, no centro da imaxe / FDV

Os dous grandes partidos con presenza no Concello de Silleda apuran estes últimos días de campaña para difundir as suas grandes propostas. Así, desde o PSdeG-PSOE, o candidato a reelección, Manuel Cuíña, dirixíase aos maiores a través das redes para lembrar que se seguen no goberno crearán o carné +65 co que se bonificarán os desprazamentos das persoas maiores que viven nas parroquias e que ten que achegarse en taxi aos centros de saúde.

Pola súa banda, o candidato do Partido Popular, Ignacio Maril, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, visitou os terreos de Campomarzo, onde se comprometeu a facer un Plan de Rexeneración Ambiental co fin de converter a zona na porta de entrada a unha das áreas mais visitadas de Silleda, as Fervenzas do Toxa, catalogadas como as mais altas de Europa. Maril afirma que de chegar á alcaldía, este será un dos seus principais obxectivos, xa que, “é preciso tomar man da situación e non permitir que se instale alí un vertedoiro”.