A pugna por Muros: "Conseguimos facer algo difícil: encauzar o debate a un ton sosegado"

Entrevista coas candidatas do PP, BNG e PSOE á Alcaldía de Muros

Inés Monteagudo, candidata do PP á Alcaldía de Muros

Cales foron as maiores dificultades que se atopou neste mandato?

Tivemos que ir solucionando sobre a marcha numerosas cuestións que nalgún caso levaban pendentes moitos anos, dende a concesión por parte de Costas da renovación da depuradora, ata a aprobación dun novo plan económico financeiro por incumprimento do aprobado para 2017-2018. Atopamos cero información do goberno anterior sobre asuntos pendentes; paralización de servizos fundamentais, como a contratación de obras; a falta de orzamento, prorrogado dende 2015; facturas pendentes de pago por un abultado importe, e unha conflitividade laboral importante. E conseguimos algo que parecía difícil: encauzar os debates a un ton máis sosegado, e dialogar co resto de grupos nas cuestión máis fundamentais.

Estaba caldeado o ambiente?

O pleno estaba completamente crispado. As expulsións, situacións rocambolescas, saídas de ton e falta de diálogo e entendemento eran a tónica habitual, nunha dinámica que se viña arrastrando dende tempo (anos) atrás, e que chegou a, digamos, estenderse á opinión pública. Que é o que máis lle preocupa? O saneamento foi e seguirá sendo un tema central. Atopamos unha longa lista de expedientes sancionadores abertos por Augas de Galicia sobre verteduras e multas que houbo que pagar, por puro abandono (por non contestar os requerimentos) ou por unha rede obsoleta e falta de mantemento. Queremos actualizar o PXOM para corrixir os erros detectados. A elaboración duns novos orzamentos é imprescindible. A situación económica cambiou (para peor, cun incremento de prezos da enerxía e servizos) e a situación do persoal municipal tamén: hai que dotar as prazas vacantes, asumir os incrementos salariais, etc.

María lago Lestón, candidata do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Muros

María Lago, candidata del BNG de Muros

María Lago, candidata del BNG de Muros / BNG

Que urxe facer en Muros?

O máis importante agora é levar o saneamento a todas as parroquias e establecer un plan de mantemento; potenciar o sector primario e que este sexa o motor de crecemento de outros como o turismo, axudando a emprendedores e empresas a iniciar a actividade; promover a creación dun parque de vivenda pública para alugueiro, rehabilitando propiedades do Concello, como o edificio dos mestres de Esteiro; construír unha Casa de Maiores e Persoas Dependentes; reactivar ferramentas de apoio a mulleres maltratadas; reforzar o Servizo de Axuda no Fogar; e un programa forte de apoio a persoas coidadoras.

Que faría o primeiro día como alcaldesa de Muros?

Organizar e poñer a andar o traballo interno, as pequenas cousas do día a día que, se non se fan, paralizan o bo funcionamento dun concello. Agora o máis urxente en Muros é organizar o cadro de persoal, especialmente as brigadas de Obras e Medio Ambiente, para darlle solución aos problemas de mantemento. Tamén precisamos levar o saneamento a todo o concello canto antes e, na vila, o paseo marítimo precisa dunha actuación urxente.

Que é preciso cambiar?

O goberno municipal. Precisamos un Concello e un goberno abertos á xente. Que os membros do goberno se reúnan de maneira periódica coa veciñanza e os sectores produtivos para recoller as súas inquedanzas e necesidades e render contas.

Que resumo fai do mandato?

Muros perdeu nestes catro anos máis de 300 habitantes. E pola contra, aumentou estrepitosamente a débeda municipal, que medrou case un 50%, e iso sen contar os litixios pendentes que ten o Concello co cadro de persoal e que engrosarán esta débeda en canto as sentenzas sexan firmes. Tendo 4 actas, o PP gobernou como se tivese maioría absoluta porque o PSOE lle permitiu facer canto quixo. Este goberno vai pasar á historia como o goberno da nada, de quen atopou unha situación propicia para gobernar con comodidade, e aínda así non soubo sacar nada adiante. No recordo non quedará nin unha iniciativa do PP; o que fixo foi por insistencia da oposición.

Caridad González, candidata do PSOE á Alcaldía de Muros

Caridad González / psoe

Caridad González / psoe

Cal está sendo a súa mensaxe nesta campaña electoral?

Conseguir un Muros limpo, coidado e saneado, ao igual que as parroquias, que nestes catro anos estiveron abandonadas; ter uns Servizos Sociais igualitarios e suficientes, cunha atención efectiva e personalizada; apoiar os emprendedores, os deportistas e os colectivos para que poidan realizar as súas actividades en Muros, e non ter que refuxiarse en concellos limítrofes por falta de apoio.

Por onde comezaría a traballar se é elixida alcaldesa?

As miñas primeiras medidas serían dotar o Concello de persoal suficiente para as tarefas básicas (as brigadas de Obras e Medio Ambiente e a Policía Local están desmanteladas, pois xubiláronse numerosos operarios e non se ocuparon eses postos); poñer en funcionamento os contedores subterráneos; humanizar o casco histórico; contratar o saneamento de Tal e da parte alta de Badernado, o de Castelo e completar os de Esteiro e Torea; solucionar o problema dos veciños de Rivera do Maio coa orde de derribo das súas casas; facer un parque infantil en Abelleira (o núcleo onde máis nacementos hai), e recuperar a Bandeira Azul para a praia de San Francisco en Louro.

Cales son os retos de Muros?

Os retos máis importantes de Muros son desenvolver o polígono industrial, dándolles facilidades ás empresas que queiran ubicarse nese recinto; poñer en funcionamento a Casa de Acollida para vítimas de violencia machista; conseguir unha residencia da terceira idade de carácter comarcal; facer unha pista polideportiva; recuperar as nosas festas, que no seu día o goberno do Partido Popular prohibiu, como os Lumiños de San Xoan e a festa dos maiores, que leva catro anos sen celebrarse; ou recuperar a lonxa vella para dedicala a actividades náuticas.

Que balance fai destes 4 anos de goberno de Inés Monteagudo?

É un balance decepcionante. Apoiamos o goberno durante toda a lexislatura, mesmo para aprobar os orzamentos. Gobernaron como se tiveran maioría e o resultado é o total abandono do municipio. O único que fixo o Goberno local foi executar as obras financiadas pola Deputación Provincial da Coruña. Non conseguiu nin un só investimento da Administración autonómica. Temos un Concello endebedado que non pediu unha axuda á Xunta, ao Estado ou á UE.