Entrevista | SANTIAGO FREIRE ABEIJÓN Candidato do Partido Popular

A pugna por Noia: “O novo centro de saúde vai marcar un antes e un despois na atención sanitaria en Noia”

Santiago Freire Abeijón, candidato do Partido Popular

Santiago Freire Abeijón, candidato do Partido Popular / ECG

Como foi a relación do PP coa oposición nestes catro anos?

Debera ter sido máis construtiva do que foi. E debeuse actuar con máis responsabilidade en temas de interese xeral para os noieses.

Que espiña leva cravada da lexislatura que remata?

Non teño esa sensación. Ao contrario: a práctica totalidade das actuacións que ían no noso programa electoral están xa feitas, en marcha ou en tramitación moi avanzada, e fixemos moitas máis cousas das que ían nese programa.

Que destaca da súa xestión?

No eido educativo investimos 3,5 millóns de euros en mellora e creación de instalacións e fixemos moitas actuacións en materia deportiva. Pero pretendemos construír un novo pavillón polideportivo e ampliar os de Agustín Mourís e Alonso Rodríguez. Por certo, Noia recibiu da Axencia Galega de Xestión Deportiva un premio de xestión deportiva para concellos de menos de 15.000 habitantes. En infraestruturas, destaco a remodelación da fachada marítima, a senda peonil de Punta Abruñeiras a Río do Porto, o novo Museo do Mar, a recuperación do edificio do Casino, as melloras de Ponte Ceilán e Pontenafonso, as ampliacións das redes de saneamento e de abastecemento de auga ou a rehabilitación da estación de autobuses e do edificio dos Xulgados.

Cales son os seus proxectos máis ambiciosos para Noia?

A construción dun novo centro de saúde de 4.000 m2 suporá un antes e un despois en atención sanitaria. A rehabilitación patrimonial da antiga fábrica da Chaínza para a súa conversión en centro de día con unidade de alzheimer, con 65 prazas, e cunha parte do complexo destinada tamén a albergue turístico, é outro proxecto que, igual que o anterior, está comprometido orzamentariamente. E tamén será importante a remodelación da depuradora, cun investimento de 3 millóns de euros.

Ten previsto o PP seguir alongando as sendas litorais de Noia?

Temos previsto crear tres: a de Albariza-A Fialla-A Rasa; a de BoaO Obre-Chaínza-Campo de Noia; e a de Pontenafonso-Orro-Noia.

E en clave patrimonial, cales son as súas propostas?

Queremos crear o Museo das Laudas Gremiais, rehabilitar a cuberta da igrexa de Santa María A Nova e continuar coa rehabilitación da nave de Abruñeiras para darlle usos náuticos e deportivos.

Que medidas contempla para promover a creación de emprego?

Entre outras, imos rehabilitar a nave adquirida polo Concello en Santa María de Roo para destinala a obradoiros e aulas formativas.

Francisco Pérez Caamaño. PSOE

Francisco Pérez Caamaño. PSOE

Francisco Pérez Caamaño. PSOE / ECG

“Levamos oito anos sen un rumbo claro e cunha xestión errática”

Cales son as principais necesidades de Noia para o PSOE?

Un plan para o crecemento económico, para o cal é imprescindible ampliar o chan industrial e apostar pola promoción turística. É importante colaborar co Concello de Santiago e establecer sinerxias que permitan, por exemplo, unha boa xestión do noso Camiño de Santiago. Precisamos converter o Concello nun axente dinamizador da economía. Os veciños e as empresas non poden atopar un Concello que non funciona, non os atende e non colabora en que proxectos positivos saian adiante.

Que balance fai do mandato?

Este goberno caracterizouse, sobre todo, pola súa falta de contacto coa realidade dos noieses e das noiesas, algo que se está a percibir perfectamente nesta campaña. O máis grave é a ausencia de proxecto. Noia leva oito anos sen un rumbo claro, cunha xestión de proxectos errática que non nos dirixe a ningunha parte. O máis importante que debemos cambiar é precisamente o máis básico: establecer uns obxectivos claros, como os que nós propoñemos, e trazar un plan claramente definido que nos permita alcanzalos. Foi unha oportunidade perdida. As promesas incumpridas por parte do goberno de Santiago Freire deixan unha Noia peor. Deixa unha débeda de máis dun millón e medio de euros, e fracasou á hora de afrontar os problemas de saneamento.

Cales son os retos de Noia?

A curto prazo, evitar a vertedura descontrolada das augas da mina de San Finx, así como recuperar o crecemento económico e revertir o declive demográfico. Para iso precisamos apostar claramente polo crecemento económico, pola xeración de emprego e por dar uns servizos de conciliación que, no século XXI, son fundamentais para asentar poboación.

Marisol Villar. N.O.I.A.

MARISOL VILLAR. N.O.I.A.

MARISOL VILLAR. N.O.I.A. / ECG

“Non caso con ninguén; un pacto depende do resultado”

Cales son as prioridades da súa formación?

A construción do novo centro de saúde, xa aprobado, un centro de día e desenvolver chan industrial. Nos primeiros 30 días reuniríame cos representantes de todos os axentes sociais, veciñais e empresariais para empezar a construír Noia entre todos. Hai que crear dúas brigadas, unha urbana e outra rural, para a limpeza e mantemento da vila e das parroquias.

Cal é o gran reto de Noia nestes momentos?

A aprobación do PXOM facilitará asentar poboación, desenvolver chan industrial e pór en valor do casco histórico.

Que balance fai da lexislatura que remata?

Hai cousas que melloraron, sobre todo nas concellerías xestionadas polo noso partido, pero non podemos estar contentos mentres haxa veciños sen servizos básicos cubertos.

Volvería o NO.I.A pactar un goberno co PP?

Os pactos van depender dos resultados; non caso con ninguén. Ademais, os acordos decídeos a nosa asemblea.

Manuel Seijas. Marea Cidadá

Manuel Seijas. Marea Cidadá

Manuel Seijas. Marea Cidadá / ECG

“É urxente resolver a falta de planificación estratéxica”

Que urxe en Noia?

Ampliar servizos. Non podemos continuar sen centro de día, sen escola infantil pública e sen un plan de conciliación municipal. Propoñemos a creación da Oficina de Desenvolvemento Local, que permita o asentamento de novas empresas, e é fundamental a ampliación do chan industrial. Tamén é importante apostar por unha nova política de vivenda que permita alugueiros máis asequibles, especialmente para a mocidade do municipio.

Que falla actualmente en Noia segundo vostede?

Servizos como o de Urbanismo, a limpeza viaria ou a brigada de Obras non funcionan axeitadamente. O máis urxente é resolver a falta de planificación estratéxica. Noia é dos únicos concellos de máis de 10.000 habitantes que non conta con servizos públicos básicos. Non existe por parte do goberno municipal ningún programa nin de desenvolvemento económico nin de protección do medio ambiente, o cal nos condena a continuar pola mesma senda da inacción.

Ricardo Suárez. BNG

Ricardo Suárez. BNG

Ricardo Suárez. BNG / ECG

“Queremos liderar o cambio coas forzas progresistas”

Habería marxe para un pacto do BNG e outras listas?

Si. O BNG quere liderar o cambio que vai chegar a Noia, e quere facelo a través da colaboración con forzas políticas progresistas. Se hai algo polo que se me recoñece é polo meu talante conciliador, e iso colócanos como a forza necesaria para liderar un traballo conxunto nunha coalición de goberno.

Cal sería a súa primeira sinatura como alcalde?

Un plan plurianual que asegure os investimentos necesarios para completar a rede de saneamento o próximo mandato. É unha cuestión que debemos acordar todos os grupos para asegurar que chegarán os fondos necesarios para deixar de verter augas residuais á nosa ría, que é o noso principal motor económico e o noso maior tesouro ambiental.

Como lle gustaría mellorar a vila noiesa?

Temos que conectar a alameda co Campo da Feira e realizar unha reforma integral do paseo marítimo e, a medio prazo, xuntar estes espazos e facer chegar a alameda ao mar.