Iniciadas as prospeccións no recinto das Torres de Oeste

Técnicos do Incipit na zona das prospeccións

Técnicos do Incipit na zona das prospeccións / Concello de Catoira

S. E.

A Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), comezou os traballos de prospección xeofísica e teledetección no recinto das Torres de Oeste. E o alcalde, Alberto García, e o tenente alcalde, Javier César, veñen de supervisar as actuacións que se están a realizar. Os técnicos, coordinados polo director científico, César Parcero, e a dirección técnica de Carlos Otero, comezaron esta semana coa prospección xeofísica con gradiómetro da totalidade do xacemento, excepto nas propias torres. Tamén se están a efectuar voos de dron para obter unha topografía de alta precisión, incluíndo a Illa Castrivello, e vaise realizar outro voo de infravermellos para detectar muros, fosos ou estruturas subterráneas. Nas próximas semanas está previsto utilizar xeoradar nalgunhas das partes de máis interese do xacemento. Esta técnica, complementaria e diferente aos infravermellos, tamén permite detectar estruturas soterradas, facendo un mapa do subsolo.