ELECCIONES MUNICIPALES 28M | Anxo Rei Arca Próximo alcalde de Padrón polo PSdeG-PSOE

“O goberno de progreso será estable, serio e con gran capacidade de traballo”

O PSdeG consegue gañar por primeira vez no concello de Padrón

Anxo Rei Arca será o próximo alcalde de Padrón

Anxo Rei Arca será o próximo alcalde de Padrón

Que lectura fai dos resultados do 28M e como valora o envorco dado no Concello de Padrón?

É cedo para realizar unha análise precisa dos resultados do pasado 28-M en Padrón. Necesitaremos coller un pouco máis de perspectiva para ser certeiros na valoración que fagamos. Non obstante, semella evidente que existen polo menos dous motivos básicos que explican este cambio tan significativo: por unha parte, o deterioro da imaxe do goberno municipal liderado por Antonio Fernández e, por outra, a composición da candidatura, a proposta programática e o grande esforzo que realizamos dende o PSdeG-PSOE para acadar esta oportunidade. Fomos quen de ofrecerlle á nosa veciñanza unha alternativa de goberno formal, capacitada e ilusionante, e isto tivo como resultado a primeira vitoria socialista nunhas eleccións municipais en Padrón. Todo o meu equipo está moi contento por ter acadado esta oportunidade. E eu tamén o estou, e sinto o enorme peso da responsabilidade que vai supoñer liderar este cambio tan necesario e esperado en Padrón.

Esperaba este apoio por parte dos padroneses?

Esperaba ter a oportunidade de gobernar, si. Os datos dos que dispoñíamos adiantaban un resultado semellante no que a número de representantes se refire. Pero é certo que viamos moi difícil ser a forza máis votada. Por tanto, acadamos o obxectivo principal, que era ter a oportunidade de gobernar e ademais acadamos tamén ese logro histórico que supón gañar por primeira vez as eleccións no noso municipio. Estou enormemente agradecido a toda a cidadanía padronesa por toda esta confianza depositada en min e no conxunto da candidatura.

Prefire gobernar con maioría simple e chegar a acordos puntuais co BNG ou, pola contra, ofreceralle á concelleira nacionalista un posto no seu goberno para garantir unha lexislatura tranquila?

En primeiro lugar debemos escoitar cales son as aspiracións de cada forza. Como xa manifestei noutras ocasións, en política a opción preferida é gobernar en solitario, pero en todo caso o próximo goberno de progreso de Padrón será froito da clara vontade de cambio manifestada pola maioría de padronesas e padroneses o pasado domingo. Será un goberno estable, serio e con gran capacidade de traballo.

Iniciou xa as negociaciones cos nacionalistas?

Conversei en dúas ocasións coa candidata do BNG, Beatriz Rei. Acordamos darnos esta semana de marxe para pechar as cuestións pendentes da campaña electoral e tamén para procesar os resultados, determinar os equipos negociadores e reflexionar respecto do propio proceso de negociación. A próxima semana manteremos a nosa primeira reunión. Debo dicir que por ambas partes existe unha boa vontade por acadar un acordo de calidade para comezar canto antes a mellorar a situación do noso pobo.

Cales son os principais proxectos nos que centrará a xestión do seu goberno unha vez que sexa elexido alcalde?

O novo goberno de progreso de Padrón botará a andar centrado en garantir, en primeiro lugar, as necesidades máis básicas: establecendo sistemas de traballo que permitan aos distintos departamentos municipais un funcionamento eficiente; garantindo os niveis de mantemento de todas as instalacións, infraestruturas municipais e espazos públicos (limpeza viaria, desbroces, adecentamento de zonas verdes, etc.) e avanzando canto antes cara a consecución dunha infraestrutura fundamental para o noso municipio como o é a residencia para a terceira idade. Paralelamente traballaremos para acadar o cumprimento das nosas propostas programáticas a curto, medio e longo prazo.

Foi dos poucos candidatos socialistas que lle deu o pasado domingo unha alegría ao seu partido. Seguirá traballando cara os comicios xerais do 23-J ou vaise centrar únicamente na xestión municipal?

Non son cuestión incompatibles. Afortunadamente, creo que son unha persoa bastante organizada e intento repartir con eficiencia o meu tempo e o meu traballo. Teño un compromiso primario co meu municipio e farei todo o posible, xunto co equipo que me acompaña, por estar á altura das expectativas depositadas en nós. E tamén teño un deber como socialista e como cidadán deste país que pasa por facer todo canto estea na miña man por acadar unha España máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, cunha ampla protección social, defendendo o público, a convivencia e a diversidade fronte a aqueles que se moven polo seu propio interese dende plantexamentos baseados no odio e rancor que nada bo poden aportar a unha sociedade san.