Emprendedoras de oito países no instituto Fernando Blanco de Cee

Os grupos participantes estiveron preparando os días previos esta actividade cos seus profesores de Administrativo, Inglés e Economía

Emprendedoras do programa The Break, nas dúas primeiras filas, cos estudantes de Cee

Emprendedoras do programa The Break, nas dúas primeiras filas, cos estudantes de Cee / ies fernando blanco

O IES Fernando Blanco, de Cee, recibiu a dez mulleres emprendedoras de diferentes nacionalidades, que están visitando España ao abeiro do programa internacional The Break. A súa parada na vila da Xunqueira serviu para amosar ao alumnado “as posibilidades de emprender un negocio e lograr fixar poboación no ámbito rural”, segundo afirman dende o instituto, que dirixe Chelo Trillo.

No encontro os estudantes puideron coñecer as experiencias da romanesa Adriana Bestea, que rexenta en Viena (Austria) un negocio de coaching e psicoloxía especializado en emigrantes; da súa compatriota Iulia Stanescu, que se dedica á consultoría e o marketing dixital en Bucarest; a portuguesa Margarida Afonso, que desenvolve unha app para organizar eventos non profesionais; e a finesa Veera Semi, especialista en comunicación estratéxica.

Tamén explicaron as claves do seu éxito como emprendedoras a brasileira Marinara Marcato, que vive en Cork (Irlanda) e promove cursos online STEM para a mocidade; a romanesa Anca Balas, creadora dende a cidade de Cluj-Napoca dunha app para consultar nos supermercados os produtos máis saudables; a libanesa Leoni Freigi, residente en París, que rexenta unha xoiaría de artesanía local; a malaia Liwah Wong, que creou en Berlín unha base de datos de literatura gris; e a italiana Chiara Malizia, que desenvolveu en Castelfranco unha app de realidade aumentada para tendas físicas.

Pola súa banda, Fabiola de Amorim, unha española afincada en Stuttgart (Alemaña), explicoulles aos estudantes ceenses os motivos que a levaron a comercializar produtos naturais e biodegradables para usar durante a práctica do deporte.

Mediante actividades e mentorizacións, despois da súa presentación, as emprendedoras interactuaron cos estudantes en grupos reducidos para desenvolver tres actividades que se levaron a cabo en lingua inglesa. Valéndose dos coñecidos M&Ms e das súas variadas cores clasificaron os aspectos que máis valora cada unha da súa rexión ou localidade. Tamén botaron man dos clásicos post-its para anotar o que cambiarían se fosen alcaldes ou alcaldesas. Unhas propostas que despois foron lidas en voz alta para todos os grupos para establecer os cambios que os estudantes consideran máis necesarios ou urxentes.

A xornada rematou cunha quenda de preguntas ás emprendedoras e un pequeno coloquio. Os grupos participantes estiveron preparando os días previos esta actividade cos seus profesores de Administrativo, Inglés e Economía.

A delegación internacional de The Break tamén fixo unha parada no Parador Costa da Morte, de Muxía, onde compartiron experiencias con outra emprendedora, a palilleira muxiana Lucita Figueroa.