Entrevista | Julián Bustelo Candidato de Rianxo en Común á Alcaldía

“Unhas eleccións municipais non se gañan nin se perden quince días antes”

Entrevista ao candidato de Rianxo en Común á Alcaldía, primeira forza tralo 28M por diante de BNG, PSOE e PP

Julián Bustelo, candidato de Rianxo en Común e alcalde electo / rec

Julián Bustelo, candidato de Rianxo en Común e alcalde electo / rec

Contra todo prognóstico, Rianxo en Común (REC) deu o sorpasso a BNG, PSOE e PP. Agardaban semellante victoria?

Agardabamos subir moito. Esa foi a sensación que tivemos non só na campaña electoral, senón ó longo da última lexislatura na que Rianxo en Común contaba con dous concelleiros. Tiñamos moita xente nos actos electorais e esa ilusión palpábase no ambiente. Pero mentiría se dixera que agardabamos convertirnos na primeira forza política.

Que lle pasou ó BNG para perder a alcaldía e cal foi a clave para que REC se fixera con ela?

Nós non somos quen para analizar os erros ou os acertos doutras formacións, e tampouco imos facer leña da árbore caída, aínda que o executivo bipartito de BNG e PSOE adoeceu de capacidae de traballo; foi solventando as cuestións do día a día, pero faltoulle equipo para aspirar a máis. Pero si teño clara unha cousa: unhas eleccións non se perden nin se gañan quince días antes, senón ó longo da lexislatura. Dende REC fixemos o traballo que se nos encomendou: fiscalizar a xestión do goberno local, presentar iniciativas e ofrecer solucións e alternativas aos problemas. Estivemos ó carón da veciñanza e ó seu servizo en todo o que puidemos, sobre todo durante a pandemia. E, na campaña electoral, non prometemos grandes obras nin grandes proxectos, senón atender as grandes prioridades.

E cales van ser esas prioridades para o seu goberno?

Unha delas será a de buscar unha nova bolsa de chan industrial para construír un novo polígono, dado que o actual xa está saturado.

Cal foi a maior aportación de REC ó Concello rianxeiro?

Entre outras cousas, impulsar a apertura da administración local ós veciños, facilitándolle información e facendo de vaso comunicante.

Que fixo mal o goberno saínte e que pensa que se debe cambiar?

O proxecto de rehabilitación do histórico Pazo do Martelo sacouse adiante sen ter en conta as consideracións das forzas políticas da oposición. O bipartito deixou licitadas as obras, que na nosa opinión teñen un orzamento excesivo (dous millóns de euros), e aprobada a solicitude dun crédito por importe dun millón de euros. No seu momento nós votamos en contra. Dous millóns de euros é unha cifra moi elevada para a finalidade do proxecto. Ambas as dúas cuestións van ser obxecto de revisión. Escoitaremos ós técnicos e analizaremos como abaratalo e como melloralo, porque, por exemplo, tal e como está plantexada a redistribución, o espazo da biblioteca verase reducido. Cando chegue o momento de resolver a licitación, decidiremos se damos marcha atrás.

Como van as negociacións cos demais partidos en busca de apoios para a investidura ou para formalizar un pacto de goberno?

Empezámolas aínda este venres. Non temos presa. Non vetamos un pacto co PP nin co PSOE e non nos importaría gobernar en minoría con apoios puntuais. A estabilidade non a dá a maioría absoluta, senón o compromiso e o traballo.

Quen os vai acompañar, por parte de Rianxo en Común, nese novo goberno local para Rianxo?

O número dous é Julio Alcalde, empregado dunha empresa de artes gráficas e moi vencellado ó asociacionismo e ó sindicalismo. A número tres é Ana Vial, que está opositando para mestra. O número catro é José Alberto Angueira, electricista autónomo. E a número cinco é Olaya Figueira, farmacéutica.

Que competencias se reservará como alcalde?

Á espera de analizar o reparto máis axeitado das diferentes responsabilidades no seu momento para crear un equipo sólido, probablemente asuma as competencias nos eidos de Comercio e Emprego.

Cal é a súa profesión?

Son arqueólogo. Teño 28 anos e son natural da parroquia de Araño.