Alumnos do CEIP Fogar tomaron as rúas carballesas con bicicletas e patinetes

Escolares do CEIP Fogar, de Carballo, percorrendo as rúas locais /c. c.

Escolares do CEIP Fogar, de Carballo, percorrendo as rúas locais /c. c. / J. M.

Os escolares do CEIP Fogar, co apoio da Policía Local, Protección Civil e o Club Ciclista Carballo, desfrutaron dunha xornada de mobilidade ecolóxica e sostible. Tras unha primeira formación teórico-práctica nun circuíto de tráfico habilitado no patio, os nenos e nenas tomaron as rúas con bicicletas e patinetes a pé facendo seu o espazo que habitualmente ocupan os automóbiles.

Con esta iniciativa, o Concello carballés quixo conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente e o Día Mundial da Bicicleta.

O ano pasado celebraron esas datas co alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero e, grazas ao traballo de investigación que levaron a cabo no colexio, os nenos e as nenas puideron identificar distintas especies de fauna e flora que teñen o seu hábitat no paseo do Anllóns. Agora o Concello decidiu compartir esa información coas persoas que o percorren a diario instalando paneis informativos no fermoso recuncho que acolleu a antiga depuradora, e que hoxe é unha das zonas de descanso situadas nas beiras do río.