Carballo autoriza as barbacoas nas vías publicas polo San Xoán entre o 22 e 30 de xuño

As persoas e colectivos que queiran facer as tradicionais cachelas deberán comunicalo

Sardinas en una parrilla, en una celebración de San Juan.

Sardinas en una parrilla, en una celebración de San Juan. / LOC

Redacción

Con motivo das Festas de San Xoán 2023, e coa finalidade de facilitar á veciñanza a celebración das cachelas e sardiñadas, o Concello de Carballo establece unha serie de normas de obrigado cumprimento.

Autorízase a colocación de barbacoas ou similares e a realización de cachelas durante as celebracións patronais, e os establecementos hostaleiros con terrazas poderán realizar barbacoas ou similares na vía pública no período do 22 ao 30 de xuño.

Tanto as persoas coma os locais que desexen realizar estas actividades terán a obriga de realizar unha comunicación previa cubrindo a instancia específica, que pode descargarse da web municipal (carballo.gal). Poderán presentala presencialmente na urna colocada na planta baixa da Casa do Concello ou a través do enderezo electrónico cachelassanxoan@carballo.gal.

O prazo para presentar comunicacións previas remata o 21 de xuño. O obxectivo do trámite é facilitar ás forzas de seguridade a localización das cachelas por se fose precisa a súa intervención. As cachelas terán que distar un mínimo de 12 metros de edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión será de catro metros, cunha altura máxima de dous.

Os materiais a empregar serán de madeira. Prohíbense os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera substancia explosiva. Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos e telefónicos. Os solicitantes terán que acatar as normas e instrucións que poidan establecer a Policía Local, Protección Civil ou o servizo de bombeiros.