O voluntariado retirou douscentos quilos de lixo na praia da Corna

Dúas persoas voluntarias recollendo lixo na praia da Corna /c. pobra

Dúas persoas voluntarias recollendo lixo na praia da Corna /c. pobra / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Unha nova xornada de coidado medioambiental na Pobra do Caramiñal traduciuse na retirada de 205 quilos de lixo da praia da Corna ao abeiro da campaña estatal Únete a 1 m² contra a “basuraleza”!

Unha decena de persoas decidiu sumarse á limpeza, que contou coa colaboración da Protección Civil. Entre os residuos presentes no areal atopábanse fragmentos grandes de madeira, un bidón voluminoso, numerosos restos de plástico, botellas, latas e algún chisqueiro, entre outros.

A concelleira do Medio Ambiente en funcións, Genoveva Hermo, apunta que esta actividade enmarcouse nos actos do Día Mundial do Medio Ambiente, trala adhesión da Administración local ao proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes.

Trátase dunha acción máis na senda das que xa se veñen facendo nos últimos anos dentro da campaña local de voluntariado Agora é o momento!. A edil engade que todas elas buscan crear conciencia na preservación das contornas naturais e apelar á responsabilidade cidadá para o coidado destas, polo cal “desta vez a convocatoria tamén estivo aberta a crianzas para así fomenta-lo respecto polo medio ambiente dende idades temperás”, afirmou Genoveva Hermo.