Os veciños de Fisterra volven saír a rúa para esixir “solucións xa” á seguridade na Anchoa

“Cruzar para comprar o pan non pode ser unha acción de risco”, din // Aseguran que os técnicos sinalan que é una “zona urbana”

Manifestación veciñal en Fisterra para demandar medidas de seguridade na recta da Anchoa /A. anchoa

Manifestación veciñal en Fisterra para demandar medidas de seguridade na recta da Anchoa /A. anchoa / J. M. RAMOS

Ducias de veciñas e veciños de Fisterra volveron saír á rúa para esixir “solucións xa” para acabar coa inseguridade viaria na recta da Anchoa e “salvar outras vidas”. A iniciativa partiu da Asociación Anchoa, que xa o pasado martes convocou unha concentración no lugar onde o pasado domingo se produciu un atropelo que acabou coa vida do seu veciño José Sixto, de 80 anos. As solucións “para Pepe, desgracidamente chegarán tarde”, sinalou María Nemiña, portavoz do colectivo veciñal.

A demanda vén de anos atrás, e reactivouse agora coa morte de Xosé. Dende a Xunta, até agora, “só recibimos un portazo nunha reunión na que non nos transmitiron solución algunha”, engadiu.

A última resposta, sinalou, é que o tramo da recta da Anchoa “non estaba considerado como urbano e por iso non podíamos ter dereito a pasos de peóns, nin semáforos, nen ningún outro elemento que poidera axudar a reducir a sinistralidade”.

Non obstante, segundo sinalou María Nemiña, estes últimos días contrastaron información con responsables do Concello de Fisterra e “algún técnico independente, e dinnos que a zona si é urbana, que non poden empregar esa escusa”. Avogan por seguir “avanzando por aí e contrastar todo isto e si é así, esixir de inmediato que se implementen as medidas que fagan falta para frear iesto. Danos igual quen teña a competencia, quen teña a culpa ou deixe de tela, o único que queremos son solucións”.

Advirten que non poden seguir así ás portas do verán “cunha poboación cuatriplicada, cun incremento do tráfico máis que significativo e con un ir e vir de vehículos que fan que comprar o pan sexa unha acción de risco, moitas veces esperando 15 minutos ou a que algún condutor amablemente nos deixe cruzar”, subliña a portavoz da Asociación Anchoa.

Lembran que esta recta é a única entrada e saída de Fisterra, “un pobo que recibe milleiros de visitantes no verán”. Afirman que non é unha situación que “nos afecta só aos que vivimos aquí, senon que é un problema de todos”.

Por iso pediron o apoio de todos os asistentes á manifestación afirmando que “xa non hai volta atrás, petaremos en todas as portas que sexa necesario, e si hai que dar algunha patada na porta tamén a daremos”.

A familia do falecido sumouse á manifestación celebrada na tarde do venres. O acto serviu tamén para lembrar a Xosé, “pero non nos esquecemos tampouco dos outros falecidos ao longo destes anos, e das outras persoas que seguen aquí, algún de milagro, despois de sufrir un atropelo, con secuelas no seu corpo para sempre, chegando algúns a pasar a ser dependentes e a arrastrar males crónicos para toda a súa vida”.