Manuel Taboada acada o seu sétimo mandato no Pino e Tojo o quinto en Rois

Ovidio Rodeiro presidirá a Corporación de Boqueixón // O mandatario da comarca arzuá quere un centro de día para a veciñanza // O de Sar ampliou a súa maioría absoluta

Manuel Taboada Vigo, co bastón, foi investido alcalde de O Pino

Manuel Taboada Vigo, co bastón, foi investido alcalde de O Pino / CONCELLO

M. Manteiga

Manuel Taboada Vigo vén de iniciar a súa sétima lexislatura consecutiva como alcalde de O Pino con maioría absoluta, que nas eleccións do pasado 28 de maio incrementou ata os 7 concelleiros. No acto de constitución da Corporación do Concello de O Pino, celebrada na mañá do sábado, Manuel Taboada comprometeuse a poñer en marcha iniciativas que beneficien a todas as persoas que viven no Pino e contribúan “ao progreso do noso municipio”. Pola súa banda, Ramón Tojo acadou, tamén para o PP, a quinto mandato en Rois, e Ovidio Rodeiro tamén levantou o bastón de mando en Boqueixón.

O pleno da Corporación está formado por 7 concelleiros do PP (1.806 votos), 2 do BNG (592 votos) e 2 do PSdeG (482 votos). Tres son as novas incorporacións ao pleno, unha por cada grupo. Borja Castro (PP) e Consuelo Abel (BNG), ademais, conformaron a mesa de idade por ser os concelleiros de menor e maior idade, respectivamente. Polo PSdeG, Inmaculada Mosquera prometeu por primeira vez o seu cargo de concelleira. Ao rematar a sesión fíxose a foto de familia da nova Corporación, na que non quixeron saír os dous concelleiros socialistas.

No seu discurso de toma de posesión, Manuel Taboada deu a benvida aos novos concelleiros e concelleiras e agradeceu a súa labor aos que os precederon, e aclarou que a responsabilidade dos once concelleiros, “máis aló das diferencias ideolóxicas”, é “buscar solucións e poñer en marcha iniciativas que beneficien a todos os veciños e veciñas do Pino”, engadiu.

Taboada agradeceulle á veciñanza que volverán depositar a súa confianza no Partido Popular de forma maioritaria, o que lles permitiu sumar un concelleiro aos seis da pasada lexislatura. “Isto lévame a asumir aínda con máis responsabilidade o cargo de alcalde, tendo en conta sempre a premisa de que os veciños e veciñas serán sempre o primeiro”.

A continuación fixo mención a algúns dos proxectos que o novo goberno quere poñer en marcha nesta lexislatura, como a construción dun centro de día de 25 prazas “e seguir loitando por unha residencia para os nosos maiores”, reforzar os programas de conciliación e as axudas as familias, e aumentar o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar para mellorar a atención a todas as persoas que o necesiten.

“Despois de ter xa consultado coa veciñanza as súas necesidades, faremos unha modificación puntual do PXOM para facilitar a construción de vivendas unifamiliares nos núcleos rurais e permitir a expansión das explotacións agropecuarias”. Medidas que servirán para asentar poboación no rural e que o novo goberno que “complementar promovendo a construción de vivendas de promoción pública”, dixo o alcalde.

Pola súa banda, Ramón Tojo Lens inicia o seu quinto mandato despois de ampliar a súa maioría absoluta ata 8 concelleiros (un máis). Tomou posesión tamén este sábado no pleno de constitución da Corporación de Rois, con 8 concelleiros do PP, 2 do PSdeG e un do BNG.

Por último, Ovidio Rodeiro Tato tomou posesión como alcalde de Boqueixón no pleno constitutivo celebrado esta mañá no Forte. Un bastón de mando que lle foi entregado polo seu predecesor e compañeiro de candidatura, Manuel Fernández Munín. Tras agradecer o apoio maioritario da veciñanza o pasado 28 de maio, Rodeiro Tato asegurou que “é unha honra poñerme ao servizo dos veciños do Concello onde nacín e no que sempre vivín” e destacou que “a miña principal aposta política neste novo período será a de ser útil ao concello e aos seus cidadáns. Os veciños sempre estarán antes que nada e as súas necesidades e inquedanzas serán a prioridade de todas as accións deste Goberno”.

Neste sentido, destacou que “durante os últimos anos esforzámonos dende o Concello e dende a Xunta para impulsar proxectos tan importantes como a estación depuradora, con case 2 millóns de euros de investimento, as concentracións parcelarias de catro parroquias, a creación de máis de 20 quilómetros de sendas peonís ou a substitución de todas as farolas a tecnoloxía LED”. E puxo xa obxectivos para o futuro: “impulsaremos da man da Xunta de Galicia o proxecto máis ambicioso dos últimos tempos para o noso concello: a transformación do Pazo de Quián no escaparate das enormes posibilidades que ten o noso sector primario. Deste xeito, Boqueixón converterase na capital dos concellos rurais de Galicia”.