Nunca é tarde para independizarse

Cento dous maiores de Val do Dubra, Outes, O Pino, Boqueixón, Touro e Lousame fórmanse para realizar xestións electrónicas ante os bancos, o Sergas ou as administracións

No que vai de ano case trescentas persoas asistiron na comunidade ás máis de mil cen sesións impartidas pola Fundación Amigos de Galicia

Veciñas de Outes nunha das clases do curso de dixitalización da Fundación Amigos de Galicia / f.a.g.

Veciñas de Outes nunha das clases do curso de dixitalización da Fundación Amigos de Galicia / f.a.g. / suso souto

Son dúas máximas constatadas: nin o saber ocupa lugar nin nunca é tarde para aprender. E, baixo esas consignas, máis de cen persoas maiores do ámbito territorial de Área de Santiago estanse a formar para poder independizarse... dixitalmente.

Para romper a barreira que existe entre as xeracións nativas dixitais e as das persoas maiores son necesarias iniciativas que contribúan á súa formación e apoio neste proceso de adaptación. Por iso, dende a Fundación Amigos de Galicia creouse o programa denominado Mellor acompañados, que ten como obxectivo formar a persoas maiores dos distintos concellos galegos para que sexan capaces de comprender todas as funcionalidades relacionadas cos dispositivos electrónicos que se utilizan a diario (smartphones, pantallas táctiles de administración, caixeiros automáticos, etcétera).

Un problema moi común entre a poboación maior ten que ver cos trámites relacionados co Servizo Galego de Saúde que adoitan verse obstaculizados pola conxestión das súas liñas telefónicas, polo que contar coas competencias dixitais necesarias para realizar calquera trámite telemático contribúe á mellora exponencial da súa calidade de vida.

Por outra banda, as persoas maiores dependentes dos seus familiares atopan barreiras, moitas veces insalvables, e dun xeito especial as 130.000 que viven soas en Galicia.

A labor social da Fundación Amigos de Galicia neste eido trata de dotar de competencias básicas a todas aquelas persoas maiores que o precisen, para que sexan independentes e favorezan o seu envellecemento activo, a socialización e a súa autonomía, especialmente naqueles casos de maior vulnerabilidade.

Cómpre sinalar que, ademais, moitos habitantes da Área de Santiago atópanse nunha situación de exclusión financeira, é dicir, non dispoñen de entidades bancarias próximas nas que desenvolver a súa actividade diaria. Por iso, un dos contidos centrais destas formacións ten que ver coa xestión da Banca Electrónica, a través da cal os usuarios poden realizar os trámites bancarios sen necesidade de desprazarse, tendo en conta que nalgúns casos teñen moitas dificultades de mobilidade.

No que vai de ano foron 290 as persoas maiores que participaron no programa Mellor acompañados, asistindo a un total de 1.104 sesións formativas. Na actualidade, estano facendo 21 veciños de Val do Dubra, 15 de Outes, 16 de O Pino, 17 de Boqueixón, 20 de Touro e 13 de Lousame, así como 19 de Cerdedo-Cotobade e 14 de Boimorto.

En Outes, esta acción formativa continuará os días 27 de xuño e 4 de xullo de 09.30 a 12.00 horas na aula anexa á aula coworking de Outes. Concellos e asociacións de maiores poden pedir á Fundación Amigos de Galicia sumarse a este programa.