Xisco Feijoo, AldaoLado e Reixa van actuar no festival Abride a Fiestra

A quinta edición deste festival terá lugar o sábado 15 de xullo, coincidindo co 138 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro

Pola esquerda, o novo alcalde Anxo Arca, Valentín García, Anxo Angueira e Xurxo Couto

Pola esquerda, o novo alcalde Anxo Arca, Valentín García, Anxo Angueira e Xurxo Couto / fundación rosalía

A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha a quinta edición do festival Abride a Fiestra, que terá lugar o sábado 15 de xullo, día no que se cumpren 138 anos do pasamento da autora, e que vai incluír diferentes manifestacións culturais, tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas do evento actuarán Xisco Feijoo, AldaoLado, Antón Reixa, Xurxo Souto, Olga Novo e Moncha Fuentes, entre outros.

A programación de Abride a Fiestra foi presentada este xoves en rolda de prensa na propia Casa-Museo de Rosalía, e nela participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xurxo Couto, responsable de Cultura da Deputación da Coruña, e Anxo Arca, o novo alcalde de Padrón.

Segundo se puso de manifesto na presentación, nunha xornada de portas abertas de 11.00 da mañá ata a medianoite, a Horta, a Casa-Museo e o auditorio acollerán case vinte actividades e vindeiro 15 de xullo.

Na Horta terán lugar o concerto de Xisco Feijoo ou as actuacións de AldaoLado, Antón Reixa e Xurxo Souto. Para os máis pequenos haberá un espazo de brinquedos tradicionais, un obradoiro de brinquedos sonoros e un concerto de Ce Orquestra Pantasma.

Asemade, na propia Casa-Museo haberá un pianista residente, Suso Alonso, que estará ao longo do día tocando no Piano de Rosalía, pero tamén contarán con visitas guiadas por persoeiros, como o académico Xosé Luís Axeitos, as profesoras Rita Bugallo e Carme Pérez-Sanjulián ou o escritor Manuel Lorenzo Baleirón.

Pola súa banda, no Auditorio haberá unha charla sobre Manuel Murguía no centenario do seu pasamento a cargo de dous expertos no personaxe, Xosé Luís Axeitos e Henrique Rabuñal. Ademáis, Teatro Airiños, a compañía máis antiga de Galicia, presentará o libro conmemorativo dos seus 90 anos de vida cunha pequena actuación, e a xornalista Belén López conversará coa poeta Olga Novo e coa novelista Moncha Fuentes. E, por último, terá lugar un acto institucional no que se lle entregará a Rosa de Galicia a unha persoa ou institución destacada na defensa da figura da escritora ou na promoción do legado rosaliano.

Ademais, durante a xornada festiva organizouse unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola e unha degustación de vermú Petroni. Tamén haberá posibilidade de xantar na propia Horta da Casa da Matanza.

Os organizadores lembran que este festival é posible grazas ao apoio da Deputación Pronvicial da Coruña, o Concello de Padrón, a Xunta de Galicia, Paco&Lola e Gadis.

Calendario

O festival e xornada de portas abertas Abride a Fiestra puxose en marcha hai cinco anos como unha das actividades que desenvolve a Fundación en torno a figura de Rosalia de Castro, unha xornada na que se unen a música, a literatura e tamén a gastronomía propia da zona.

É outras das grandes actividades, ao marxe da celebración do Día de Rosalía: Alborada e Caldo de Gloria, xunto coa homenaxe do mar a Rosalía A Inchadiña branca vela, no calendario anual da institución cultural rosaliana.