Costa da Morte, a terra dos cen pazos: das Torres do Allo ás do Cereixo

Pazo das Edreiras, na parroquia de San Martiño de Meanos, no municipio de Zas

Pazo das Edreiras, na parroquia de San Martiño de Meanos, no municipio de Zas / Torres do allo

As Torres do Allo, consideradas o pazo máis antigo de Galicia, convidan a afondar na historia destas terras atlánticas a través da exposición Terra de Pazos: Casas grandes da Costa da Morte, organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña. Recolle os máis de cen pazos, casas grandes e construcións brasonadas distribuídas por este territorio.

Unha mostra que, segundo o historiador e responsable da programación cultural das Torres do Allo, Leo González, toma como eixo central “as arquitecturas que foron moradas da nobreza rural galega, a fidalguía, unha clase privilexiada que durante a Idade Moderna viviu do aproveitamento da terra a través do cobro de rendas”.

Os pazos, engade, constituíron o centro económico e administrativo deste sistema económico que se desenvolveu en Galicia durante o Antigo Réxime entre o século XVI e XIX “e que na Costa da Morte en particular aínda estivo vixente nalgunhas freguesías de maneira residual ata finais do século XX”.

Torres de Cereixo, situadas no municipio de Vimianzo /t. do allo

O ALCALDE DE ZAS CONTEMPLANDO A MOSTRA / TORRES DO ALLO / J. M. RAMOS

A ollada de Terra de Pazos achégase ademais a unha área onde a variedade construtiva é enorme. “Nela podemos apreciar edificios impoñentes, rodeados de xardíns e de elevados muros como as Torres de Cereixo (Vimianzo), o Pazo de Trasariz (Vimianzo), Romelle (Zas), Soesto (Laxe) ou Vilardefrancos (Carballo)”, subliña Leo González. Pero tamén presta atención a pequenas arquitecturas que en moitos casos apenas se diferenciaban das vivendas de campesiños acomodados, como é o caso dos pazos de Carrabete (Laxe), a casa de Alonso de Lema (Vimianzo) ou o pazo de Senande (Muxía).

Neste periplo que propón a exposición amósase tamén o mundo dos pazos a través dos seus símbolos de prestixio (pombais, chemineas, balcóns, escaleiras); das liñaxes que os habitaron e da súa simboloxía. Trátase “dunha viaxe a un mundo xa desaparecido, pero cuxas pegadas continúan presentes e visibles na paisaxe”, afirma o historiador.

O alcalde de Zas contemplando a mostra / torres do allo

Torres de Cereixo, situadas no municipio de Vimianzo /T. do Allo / J. M. RAMOS

Sinala ademais que este “é un mundo bastante descoñecido, pois a maioría dos pazos e casas señoriais son de propiedade privada e só uns poucos, como o Pazo do Souto de Carballo, convertido en casa de turismo rural, ou o de Trasariz, en Vimianzo, dedicado agora a eventos, son visitables, xunto coas Torres do Allo, de titularidade pública”.

A exposición, que foi inaugurada polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, marca ademais o inicio da tempada de verán nas Torres do Allo, que este ano contan cunha extensa axenda cultural. Durante á visita ao pazo o rexedor tivo oportunidade de falar cos nenos e nenas do campamento Zas no verán 2023.

Nesta primeira quenda acadáronse as 50 inscricións e as actividades didácticas e de lecer estanse a desenvolver de luns a venres polas mañás. Outra das actividades estrela do pazo arrancará o 5 de xullo co popular Escape Room do Allo. Este ano titúlase A matanza do Allo, mudando mudando totalmente a narrativa e con novos retos. Este apaixonante xogo de escapismo, orientado ao público xuvenil e adulto, estará dispoñible baixo reserva ata o 15 de setembro e realizarase de luns a sábado ás 16.00 horas.