Rapa, carrilanas e moita música para a fin de semana do Carme

As rúas e prazas de Noia encheranse de espectáculos de animación coa Feira Medieval

Haberá procesións marítimas en Cabo de Cruz, Aguiño, Camariñas e a vila pobrense

En Vimianzo poderase degustar carne de poldro

Rianxo ofrece un mercado celta

A alcaldesa de Muros, María Lago, e o presidente da A.D.C. Esteirana de Carrilanas, David Fernández Lado, presentando o Gran Prix / a. esteirana

A alcaldesa de Muros, María Lago, e o presidente da A.D.C. Esteirana de Carrilanas, David Fernández Lado, presentando o Gran Prix / a. esteirana / s. souto-j. m. ramos

Avanza o verán e, con el, chegan algunhas das festas máis agardadas. Na Área de Santiago, a oferta de ocio é ampla e variada para esta fin de semana na que se honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

En Noia, as rúas ambientaranse dende hoxe para acoller os numerosos espectáculos da Feira Medieval. A cita comezara ás 17.30 coa animación musical de Turdión. Ás 23.00 será o espectáculo de videomapping e pirotecnia. Na rúa Escultor Ferreiro haberá obradoiros artesanais. Mañá ás 20.30 terá lugar un torneo medieval; ás 23.00, o desfile de fachos dende a Praza do Concello ata a do Tapal; e ás 23.30, peregrinación musical a cargo de Esperanza Mara.

Muros celebra o domingo ás 19.00 horas o XXXIV Gran Prix de Carrilanas de Esteiro, que inclúe un festival (entrada gratuíta) no que actúan hoxe Baiuca, Fillas de Cassandra, Grande Amore e Familia Caamagno; mañá, Tanxugueiras, Boyanka Kostova, Monoulious Pop, Cool Nenas, Lamontagne & Picoamperio e Pablo Balseiro; e o domingo, Quinkillada.

En Camariñas as festas do Carme comezan hoxe na Praza do Mercado, ás 23.00, co festival de música dance e electrónica Carme Dance Festival. Na verbena do sábado actuarán Los Coleguitas e La Misión. O domingo ó mediodía oficiarase a misa de campaña cantada polo Coro Parroquial de Camariñas, con posterior procesión marítima e espectacular traca de bombas á chegada da imaxe da Virxe ó porto. A verbena será amenizada pola orquestra Miramar. Ás 01.00 horas será a gran sesión de fogos de artificio e logo actuará a orquestra Los Sátelites. O luns, o grupo Tania Veiras amenizará a verbena xunto coa París de Noia. E o martes ás 14.00 haberá unha gran sardiñada na Área da Vila, música todo o día e festa infantil ás 17.00 horas.

No Campo da Areosa de Vimianzo celebrarase os días 15 e 16 a Rapa das Bestas que organiza a Asociación Cabalar Cultural Monte Faro. O sábado ás 08.30 reuniranse as bestas bravas no Monte Faro. Ás 18.00 celebrarase unha ruta cabalar por Vimianzo, e ás 21.00 lerá o pregón a alcaldesa, Mónica Rodríguez. Media hora despois dará comezo a degustación de carne de poldro, con patacas, pan, viño e auga, por 10 euros. E o domingo ás 18.00 horas será a tradicional Rapa das Bestas. Ás 20.30 horas sortearase un poldro entre os asistentes.

Nesta fin de semana teñen lugar tamén en Caión as festas do Corpus e do Carme. Ademais dos actos relixiosos e festivos a cargo da A.C.D. Peña Royal, o Concello oferta dúas propostas culturais dirixidas a todos os públicos. O sábado, a actuación da Asociación Cultural Arume de Caión coa música e o baile tradicionais galegos como protagonistas; e o domingo, o espectáculo cómico Saaabor!, protagonizado polos actores Fran Rei e Félix Rodríguez. A obra mestura música, maxia e humor. Ambos os dous eventos serán ás oito da tarde na Praza Eduardo Vila.

A Pobra inicia hoxe as festas do Carme do Castelo ás 21.30 horas cos concertos de Os Bar Ban Sónicos, na Praza Paulino Santos Mieites, e de Dr. Migraña & The Speedyfriends, na Praza do Emigrante, ás 23.30 horas.

O sábado será o VII Festival Folk, que terá lugar na Praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.00 horas, coa participación das Pandeireteiras Aldomir da A. C. A Mámoa de Luou, Faíscas da Pontraga, Tiruleque e A Requinta da Laxeira.

O domingo, a partir das sete da tarde, oficiarase a misa solemne na honra da Virxe do Carme na igrexa parroquial de Santiago da Pobra do Deán e, deseguido, sairá a procesión marítima. A verbena vaina amenizar a orquestra Os Supremos.

En Rois, a Taberna O Pemento de Seira acolle hoxe a Xuntanza dos Amigos do Sanviño, con reunión de romeiros, aperitivos, cata de viños e gaiteirada ás 12.30. Unha hora despois, o presidente da entidade, José Luis Baleirón, nomeará Cabaleiras 2023 a Sofía Caulonga Chenlo e a Francisca Barros Rodríguez, actuando de mestre de cerimonias Luis Miguel Paz. Ás 14.30 será a andaina portando o Sanviño ata a Casa do Bispo, coa foto do grupo dos Sanviñeiros, e ás 15.30, o xantar na Taberna O Pemento de Seira (25 €) e a festa cos gaiteiros Pedra Quente.

En Rianxo seguen hoxe as festas do Carme con verbena a cargo de Solara e Saudade. Mañá, con Platinum e Royal Espectáculo; e o domingo co concerto de Treixadura (22.30). No Paseo da Ribeira hai mercado celta.

En Cabo de Cruz (Boiro) na verbena de hoxe actúan Origen e La Banda de Ayer e, na de mañá, Solara e Disco Móbil Chocolate. O domingo, misa cantada na lonxa ó mediodía con procesión marítima, verbena con Finisterre e DJ Matrek e fogos artificiais á medianoite.

En Aguiño (Ribeira), hai verbena hoxe con Planet Discomóvil, DJ Tito Maverick e New York; mañá, con Planet Discomóvil, DJ Mateo Abelleira e Cinema; e o domingo, ás 12.30 misa e procesión marítima, verbena con Marbella e fogos de artificio.