Padrón celebra este martes o día grande do Santiaguiño coa tradicional procesión

Os actos comezaron portando a imaxe do santo desde a igrexa parroquial ata o monte San Gregorio

O concerto de Ruxe Ruxe desta noite pecha unha semana de festas na localidade coruñesa

Festa do Santiaguiño do Monte en Padrón con moita afluencia de público

Festa do Santiaguiño do Monte en Padrón con moita afluencia de público / JUAN MARTÍNEz

Redacción

Padrón celebra este martes o día grande do Santiaguiño con milleiros de persoas participando na romaría popular que se celebra todos os 25 de xullo no monte San Gregorio. Ata alí foi trasladado a imaxe de Santiago Peregrino por catro mozos que, antes de subir as escaleiras ao monte, percorreron en procesión as principais rúas do casco histórico, bailando o santo, como é tradición. Cando chegou o Santo, moitas familias e grupos de amigos tiñan xa reservada a súa parcela no monte San Gregorio, onde o Concello repartiu de xeito gratuíto 350 quilos de sardiñas. Cada ración levaba 2 sardiñas, un bolo preñado, pataca cocida e pan de millo para saciar o padal de moitos centos de comensais que agardaron a súa quenda na cima do monte. Pouco despois da unha da tarde, mentres retiraban o seu xantar popular, a concelleira Chus Campos entregáballe a cada persoa un sombreiro conmemorativo da festa deste ano. Os 500 sombreiros quedaron escasos ante a masiva afluencia de romeiros.

Festa do Santiaguiño do Monte en Padrón con moita afluencia de público

Festa do Santiaguiño do Monte en Padrón con moita afluencia de público / JUAN MARTÍNEZ

A festa do Santiaguiño comezaba pouco despois das dez e media da mañá coa tradicional procesión do casco histórico que, coma todos os anos, partiu da casa consistorial. De aquí saíron o Neno Xesús, Santa Bárbara, San Blas e San Xoán do Raio. Cando chegaron á igrexa parroquial sumáronse á comitiva as imaxes de San Antonio, Santa Lucía e Santiago Peregrino, coñecido popularmente en Padrón, como O Parrandeiro, que vai bailando durante a procesión ao ritmo que marcan os seus porteadores.

Festa do Santiaguiño do Monte en Padrón con moita afluencia de público

Festa do Santiaguiño do Monte en Padrón con moita afluencia de público / JUAN MARTÍNEZ

Os grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira, Xoldra e Os Mersenarios, animaron tanto a procesión, como a subida ao monte. Foron eles tamén os que puxeron a nota musical nunha masiva romaría campestre.

Despois de xantar houbo xogos de animación para a cativada, ata que as sete e media O Parrandeiro volvía a baixar as escaleiras do monte San Gregorio ata a igrexa parroquial de Santiago de Padrón, para agardar pola vindeira festa.

Pola noite, o concerto de Ruxe Ruxe será o colofón dunhas festas do Santiaguiño 2023 Ultreia que, sobre todo durante a fin de semana, encheron as rúas de Padrón de público con moitas ganas de pasalo ben.

TEMAS