A Coral Polifónica de Bugallido, distinguida coa Medalla do Concello amiense por 50 anos de traxectoria

Xosé Luís Castro, presidente da formación, dedicoulla ao fundador, Antonio Santomil, e aos 200 homes e mulleres que pasaron por ela

O alcalde, Blas García, esquerda, tras entregarlle a Medalla do Concello a Xosé Luís Castro

O alcalde, Blas García, esquerda, tras entregarlle a Medalla do Concello a Xosé Luís Castro / Concello de Ames

Redacción

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames) foi o escenario dunha homenaxe institucional á Coral Polifónica de Bugallido con motivo dos seus 50 anos de traxectoria musical. O alcalde, Blas García, entregoulle a Xosé Luís Castro Tourís, presidente da coral, a Medalla do Concello. O acto, presentado polo xornalista de Ames Radio Juan Luis Silva, estivo amenizado polo músico Javier Constenla, que interpretou ao piano varias pezas, como "Romeiro ao lonxe" e "Alalá das mariñas".

Ademais de numerosos veciños, asistiron representantes do tecido asociativo e cultural; membros da Corporación; o exalcalde Santiago Amor; o reitor da USC, Antonio López; e os amienses que recibiron anteriormente a Medalla do Concello: María Victoria Otero Espinar, Ángel Carracedo, Filomena Fraga, Maximino Viaño e Ramón Lorenzo.

“Ata hoxe viñemos distinguindo a un veciño ou veciña polo seu traballo, méritos ou cualidades persoais. Este ano acordamos nun pleno que se lle outorgara a Medalla do Concello á Coral Polifónica de Bugallido. Polo tanto, é a primeira vez que esta distinción recae nunha asociación ou entidade pública do noso municipio”, sinalou o alcalde.

“Ademais de premiar a calidade e a traxectoria desta agrupación, esta distinción tamén serve para poñer en valor o traballo, a dedicación, o esforzo e o sacrificio que fan as moitas e variadas asociacións do noso concello. Moitas veces é unha labor pouco valorada e discreta”, sinalou.

Pola súa banda, Xosé Luís Castro Tourís dixo que “para nós é un grande orgullo e énchenos de ledicia recibir esta medalla. Entendemos que non é unha medalla para un grupo de xente e unha asociación, senón un recoñecemento á música, que é ao que nos levamos dedicando unha boa parte das nosas vidas. A música é cultura e tamén tradición”.

Castro dedicoulle a distinción ao fundador da coral, Antonio Santomil, e aos 200 homes e mulleres que pasaron por esta formación, “que deron o mellor de si para manter viva esta agrupación”, engadiu.

Tamén houbo unha quenda de intervencións aberta á veciñanza, na que Tino Seoane, integrante da coral e figura importante do tecido asociativo e cultural de Ames, dedicou unhas palabras ás persoas maiores que, segundo dixo, “foron capaces na posguerra de sentar as bases para que hoxe teñamos a Galicia que temos”.

“A defensa e promoción da nosa cultura, a través da música, foi sempre un obxectivo da coral dende os seus inicios, por iso aproveitamos para pedir aos nosos representantes públicos e á cidadanía que non permitamos retrocesos no eido da cultura, pois é a nosa esencia”, concluíu.