Comezan as celebracións de San Fins do Castro cun Berro Seco multitudinario en Cabana

Este mércores continúan os festexos na honra da Nosa Señora dos Remedios con homilías, sesión vermú e verbena

Momento do Berro Seco

Momento do Berro Seco / c. de c.

Redacción

As dianas e alboradas racharon desde primeira hora da mañá deste martes o imperioso silencio do abrente cabanés para anunciar a chegada dun dos días máis agardados do ano: a celebración de San Fins do Castro. A xornada deu comezo coa homilía inicial e o posterior acompañamento musical a cargo da agrupación local O Son do Castro. A misa solemne, cantada pola Coral de Cesullas, deu paso ao acto central da xornada, o Berro Seco, un ritual que consiste en anicarse collidos das mans para erguerse xuntos berrando de menos a máis para rematar cun aturuxo.

A sesión vermú coa orquestra Los Españoles e a actuación da Banda de Música Eduardo Pondal, encargada de interpretar o himno a San Fins, despediron a troula matinal antes de dar comezo ás tradicionais merendas, acompañadas cos sons de Os Farrapos e Os Enxebres. As orquestras New York e Satélites animaron a verbena.

Os festexos continúan este mércores na honra da Nosa Señora dos Remedios, con homilías ás 09.00 h. e ás 13.00, esta última cantada pola Coral de Cesullas, e sesión vermú, amenizada pola orquestra Magos, que tamén actuará na verbena.