Silleda mellora a seguridade peonil na zona das instalacións deportivas e educativas da vila

O custo total da actuación ascende a 893.189,62 €, dos que o 85% serán aportados pola Deputación (759.211,18 €) e o 15% restante (133.978,44 €) polo Concello

Entrada pola estrada nacional a Silleda

Entrada pola estrada nacional a Silleda / ECG

Redacción

O Concello de Silleda vén de asinar o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana da avenida Recinto Feiral e a rúa Arturo Pérez Lázara.

O custo total da actuación ascende a 893.189,62 €, dos que o 85% serán aportados pola Deputación (759.211,18 €) e o 15% restante (133.978,44 €) polo Concello.

Mellorarase a mobilidade peonil e reforzarase a seguridade no entorno da zona deportivo-escolar da capital municipal, que ten unha gran afluencia de persoas a diario.

O proxecto supón a rexeneración urbana do tramo da avenida Recinto Feiral, á beira do que se sitúan o CEIP Plurilingüe de Silleda e o pavillón municipal César G. Fares, así como na rúa Arturo Pérez Lázara, onde se ubica o estadio municipal de fútbol de Outeiriño, e o seu entorno, e tamén ca Escola de Música Municipal.

“Esta actuación proxectada polo Goberno municipal hai xa varios meses suporá unha notable mellora da zona deportivo-escolar da vila de Silleda na que se concentran boa parte das actividades culturais e deportivas do noso Concello e na que se atopan ademais dous centros educativos, como son o CEIP Plurilingüe de Silleda e a Escola Infantil a Galiña Azul”, sinala ao respecto o alcalde, Manuel Cuíña.