Tanxugueiras: fichaxe estrela

As integrantes do grupo musical convértense en madriñas do Praíña SPC de Teo para darlle máis visibilidade ao fútbol feminino

Teñen familia e incluso parella que xogan no equipo

O entrenador Álex Edreira aplaude a colaboración e lembra que cada vez hai máis nenas que queren xogar nas bases

Sabela Maneiro, pola esquerda, con Aida Tarrío e Olaia Maneiro posan cas camisetas do Praíña

Sabela Maneiro, pola esquerda, con Aida Tarrío e Olaia Maneiro posan cas camisetas do Praíña / Tanxugueiras

Anxo Bentrón

O Praíña Sporting Club feminino conta dende esta tempada cunhas madriñas de luxo: Tanxugueiras. O grupo musical, composto por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro, apadriña o equipo teense para darlle maior visibilidade, apoio e recoñecemento ao fútbol feminino.

A idea desta colaboración entre Tanxugueiras e o Praíña naceu dos vínculos entre algunhas das xogadoras e as integrantes do grupo musical. “Algunhas das chicas do equipo teñen relación con algunha delas e entón a idea veu un pouco por aí”, comenta o adestrador do equipo feminino, Álex Edreira. “A miña parella e máis unha prima xogan ao fútbol e están nese equipo”, di Sabela.

O propósito de ser as madriñas do equipo naceu xa a finais do curso pasado. “Na comida de final de tempada estivo Sabela e falamos do tema. Comentoume que lles gostaría moito porque querían apoiar o fútbol feminino”, engade Álex Edreira. Para o propio adestrador, que sexan as Tanxugueiras as madriñas é algo incrible para o club e para o fútbol feminino en xeral: “Son un moi bo altavoz para darlle importancia porque non deixan de ser unhas artistas moi coñecidas”.  A principal razón de lanzar esta colaboración foi, polo tanto, darlle máis visibilidade ao deporte feminino, apunta a integrante de Tanxugueiras: “Víamos as diferenzas que hai entre o fútbol feminino e o masculino, que son moitas aínda, e esta era unha forma de darlles todo o noso apoio e visibilizalo”.

O fútbol feminino vive, seguramente, un dos seus mellores momentos ata agora coa clasificación por primeira vez para unha final mundialista ou con numerosas xogadoras entre as mellores do mundo. É por iso que xogadoras como a dúas veces balón de ouro, Alexia Putellas, son o exemplo a seguir cada vez por máis nenas, que empezan a ter a figuras femininas como referentes, en vez de fixarse en Messis ou Cristianos. “Agora, por exemplo, entre as chicas coleccionan os cromos da liga feminina e ese tipo de detalles estanse vendo cada vez máis e son moi importantes para darlle esa visibilidade e importancia que merecen”, di o adestrador. Pese a que o deporte feminino está nun dos seus mellores momentos e a visibilidade e cada vez maior, na maioría dos casos aínda non recibe o recoñecemento que se merece. “Si que é certo que xa está a ter moita máis presencia, pero é necesario ter moitísima máis presencia e visibilidade”, expresa Sabela Maneiro.

Esta visibilidade cada vez maior, así como a maior importancia que se lle da cada vez máis ao fútbol feminino é especialmente visible nas categorías inferiores dos equipos, onde cada vez é máis frecuente a presenza de nenas. “A nivel base cada vez son máis as nenas que queren empezar a xogar”, comenta Álex Edreira, que ademais de ser adestrador exerce como coordinador do fútbol base. A maior presenza de nenas nos campos de fútbol é algo que queren fomentar e visibilizar dende Tanxugueiras como madriñas do Praíña: “É unha forma de apostar polo fútbol feminino e de que cada vez máis nenas queiran apuntarse e xogar”.