Ferrovial abonará o consumo das luminarias, os semáforos, as regas e a decoración de Nadal de Silleda

A empresa asume o mantemento e a xestión integral do alumeado público exterior por 14 anos

Todos os puntos de luz van ser led

Luminarias na Praza de Outeiro, no municipio de Silleda

Luminarias na Praza de Outeiro, no municipio de Silleda / Concello de Silleda

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e os representantes de Ferrovial, a través da área de Energy Solutions, asinaron onte a acta de inicio do contrato de servizos enerxéticos e de mantemento integral do alumeado público exterior do concello, que ten unha vixencia de 14 anos e un importe total de 8.393.274 € que corresponde a 599.519 € anuais.

Ferrovial asumirá toda a xestión do sistema de alumeado exterior recollida no contrato, que vai dende a xestión enerxética, o mantemento da rede, a garantía total das instalacións, a implantación dunha plataforma de control ou a contratación dunha oficina externa de control.

A empresa adxudicatoria non só asumirá a vixilancia e control para o correcto funcionamento da instalación de alumeado exterior municipal, senón tamén a xestión e o abono do consumo eléctrico das luminarias, os semáforos, o alumeado de Nadal, as marquesiñas, as regas, etc.

Ademais, Ferrovial asume tamén a obriga contractual de execución de investimentos para a mellora e a renovación das instalacións do alumeado, entre os que destaca a substitución de todas as luminarias por led, a renovación integral dos cadros eléctricos e o desplegue dunha plataforma para a xestión da operación e o mantemento, o que, segundo o alcalde, “permitirá que Silleda teña un alumeado 100% con tecnoloxía led”.

Ferrovial asume tamén as tarefas de mantemento rutinario, tanto programado como preventivo e correctivo, co fin de garantir o perfecto funcionamento e limpeza de toda a rede de alumeado público exterior. Establecerase para elo un plan de mantemento e inspección da rede que permitirá garantir non só a limpeza periódica, senón tamén a reparación dos elementos danados o envellecidos de todas as luminarias.

A empresa terá a obriga de reparar calquera avaría nun prazo de entre 24 e 48 horas dende que sexa detectada. O novo módulo informático de xestión enerxética integrará un portal de avisos para a cidadanía (Liña Verde) que proporcionará aos responsables do contrato alarmas e avisos, vía SMS ou correo electrónico, de incidencias.