Sacan á luz en Brandomil un tramo do Camiño Real que comunicaba Negreira con Muxía

Vista do trazado do Camiño Real descuberto en Brandomil / c. de zas

Vista do trazado do Camiño Real descuberto en Brandomil / c. de zas / REDACCIÓN

Redacción

O equipo de arqueólogos dirixidos por Lino Gorgoso deixou ao descuberto un tramo do Camiño Real que durante a Idade Media e Moderna enlazaba as localidades de Negreira e Muxía por Brandomil (Zas) e Baíñas (Vimianzo). Trátase da principal vía de comunicación entre Santiago e a Costa da Morte ata mediados do século XX. En concreto, escavaron unha área de 83 metros situada nas proximidades da ponte de Brandomil cuxos restos xa se localizaran nas catas realizadas no verán do ano 2019.

O camiño “está nunhas condicións aceptables de conservación”, aínda que se detectaron algunhas reparacións relativamente recentes, “o cal indica que estivo ao descuberto parcialmente ata os anos setenta. De feito, algúns veciños e veciñas de Brandomil lembran ir limpalo comunalmente”, afirman.

O máis sorprendente, engaden, “é a localización de varios tramos de pavimento viario romano de tipo glarea, idéntico ao xa identificado na Pedra do Altar, o que confirma a orixe romana do trazado”, conclúen.