Axudas da Xunta para oito negocios de hostalaría da Costa da Morte

Insua, esda. Trenor e Picallo en Fisterra

Insua, esda. Trenor e Picallo en Fisterra / Xunta de Galicia

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou este venres O Semáforo de Fisterra, un dos establecementos beneficiados polas axudas da Axencia de Turismo de Galicia, dirixida a aloxamentos e restaurantes para mellorar as súas instalacións.

Informou de que a Xunta concedeu máis de 144.000 euros a oito establecementos de Bergantiños-Costa da Morte, que mobilizaron máis de 335.000 euros, para mellorar as súas instalacións.

Os outros sete beneficiarios son a Raxería Río Sil e o Balneario, de Carballo; Cabañas de Lires e Hotel La Marina, de Cee; e os restaurantes O Centolo, La Bayonnaise 1803 e O Fragón, de Fisterra.

Durante a visita, o representante autonómico destacou que “estamos ante un bo exemplo do apoio da Xunta á mellora das infraestruturas dun sector estratéxico como é o turismo nesta área”.

O obxectivo destas axudas é incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas destes establecementos co fin de consolidar unha oferta turística de calidade. As achegas cobren tanto obras de acondicionamento como a adquisición de equipamento ou mobiliario.

Turismo de Galicia contou para esta orde cun total no conxunto da comunidade de 3,5 millóns de euros, divididos en dúas liñas.