Teatro contra a intrasixencia no FIOT

A trinta e dúas edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ofrecerá 38 espectáculos, dez estreas absolutas, oito en Galicia, e unha coprodución

Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra e Pepe Viyuela son algunhas das figuras que subirán ao escenario da capital bergantiñana

O conselleiro de Cultura, cuarto esquerda, e o alcalde, quinto, presidiron o acto de presentación /fiot

O conselleiro de Cultura, cuarto esquerda, e o alcalde, quinto, presidiron o acto de presentación /fiot / josé m. ramos

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo festexará a súa 32 edición do 28 setembro ao 31 de outubro cun programa escénico rico e diverso de 38 espectáculos, 10 estreas absolutas, 8 en Galicia e unha coprodución, ademais de ducias de actividades de mediación.

Ao escenario do Pazo da Cultura subirán grandes figuras e compañías da escena actual, como Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Javier Gutiérrez, Kulunka Teatro, Cándido Pazó, Diego Anido e Redrum Teatro, entre moitas outras.

O leitmotiv do FIOT 2023 será a loita contra a intransixencia. O Intrasixentes plasmado no cartel do festival, asinado pola ilustradora carballesa Laura Tova, fala da identidade do festival, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural.

O festival abrirá o programa de sala coa estrea absoluta de Apaga o candil, espectáculo coproducido polo FIOT e Contraproducións. Cun pé no humor e outro na emoción, Cándido Pazó, narrador e admirador de Carlos Díaz O Xestal achegará á figura do contador de contos.

O 13 de outubro Redrum Teatro traerá a estrea absoluta de O pequeno poni e completan o cartel de estreas Sonchistorias, de Xan Veiga; Tres vellas na romaría, de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti; É o meu amigo!, de A Trastenda dos Contos; máis cinco pezas do Metro Cadrado, que se representarán en espazos non convencionais do municipio.

Ademais, Carballo acollerá as estreas en Galicia de Forever, de Kulunka Teatro; La maja y la mona (o viceversa), de Maribel Salas e Susana Soleto; Ma solitud, de Guillem Albá; Prima Facie, de Suzie Miller, con Vicky Luengo; El testamento, de Zum-Zum Teatre; Duelo, de Jean Philippe Kikolas; Hay alguien en el bosque, con Ariadna Gil; e tamén Piensa en Wilbur, de Wilbur.

O FIOT tamén será un espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais, a través de xornadas profesionais, entrevistas, encontros e outras moitas actividades de mediación.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu o acto de presentación e salientou “a aposta do FIOT de Carballo pola innovación e o papel do teatro como factor de transformación social”. Afirmou ademais que o festival ofrécelle ao público unha oportunidade para descubrir “non só o mellor da nosa creación, senón tamén para asomar ao talento de referencia que se espalla por toda España e fóra das nosas fronteiras” apoiándose na innovación e na sorpresa como sinais distintivos.

No acto tamén participaron o alcalde, Evencio Ferrero, concelleiros e responsables da organización.