Dezaoito confrarías de Barbanza e Costa da Morte reforzan servizos e medios con axudas provinciais

A Deputación da Coruña destina este ano medio millón de euros a apoiar 29 pósitos

O obxectivo é modernizar infraestruturas, procesos de produción e comercialización

Tamén poderán financiar a contratación de persoal

Sala de subastas de peixe e mariscos da lonxa de Fisterra, que mellorará o seu sistema de comercialización telemática / concello de Fisterra

Sala de subastas de peixe e mariscos da lonxa de Fisterra, que mellorará o seu sistema de comercialización telemática / concello de Fisterra / J. M. RAMOS

A Deputación da Coruña destina este ano medio millón de euros para apoiar a 29 confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores, dezaoito das cales están ubicadas no litoral da Costa da Morte e Barbanza. Estas axudas permitirán aos pósitos beneficiarios financiar custos de contratación de persoal e tamén modernizar as súas infraestruturas, procesos de produción e comercialización. Asemade, poderán sufragar servizos externos, como a vixiancia, a adquisición de sementes de moluscos, o alugueiro de maquinaria, os controis de descargas e de calidade do produto, o asesoramento aos pescadores artesanais e outras actividades que supoñan melloras na actividade do sector. As contías aprobadas van dende os 5.500 aos 30.000 euros.

Unhas axudas que son ben recibidas polos colectivos de profesionais do mar porque a maioría das confrarías contan cuns orzamentos moi limitados, que lles impiden acometer as inversións e melloras necesarias. Ese é o caso do pósito de Fisterra, cuxo patrón maior, Manuel Martínez Escarís, asegura que dedicarán os 19.000 euros de axuda que lles foron concedidos “a mellorar o sistema de comercialización telemática dos peixes e mariscos, e tamén adicaremos unha parte deses fondos a sufragar custos de persoal”.

Ademais do pósito fisterrán, na Costa da Morte tamén contarán co apoio da Deputación da Coruña a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns, que investirá os 8.561€ que lle foron concedidos no financiamento parcial do servizo de vixilancia; a confraría de Camariñas, que recibirá 20.000 euros para afrontar parte dos custos dos servizos ofertados aos seus asociados; o pósito de Camelle, que investirá a axuda de 16.440€ en asesoramento aos pescadores artesanais e mariscadores; a confraría de Corme, que ten concedida unha axuda de 11.600€ para o fomento da actividade pesqueira-marisqueira no porto local; e a confraría de Laxe, que dará continuidade ao proxecto de divulgación e mellora dos procesos de comercialización da lonxa cos 18.000 euros que lle foron concedidas.

Pola súa banda, o pósito de Malpica investirá os 19.000€ que recibirá na comercialización de produtos pesqueiros con menos demanda, e o de Muxía financiará o proxecto do servizo de comercialización e control de descargas no porto local.

No litoral de Barbanza, percibirán axudas as confrarías de Carreira e Aguiño (13.676€) para mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros en lonxa; a de Muros (20.000 euros) para mellorar a comercialización dos recursos marisqueiros; a de Lira-Carnota (20.000€), que financiará custos de persoal e a mellora da comercialización dos produtos da pesca costeira artesanal e o marisqueo; a de San Bartolomé, de Noia (20.000 euros), que adicará a axuda para o mantemento do persoal gardapesca; a de Santa Uxía de Ribeira (20.000€), que dinamizará a venda de produtos pesqueiros; a de Porto do Son (19.000€) que investirá a subvención na vixiancia dos bancos marisqueiros e a comercialización de produtos de difícil saída; e a de Rianxo (18.000€), que aboará así os custos do persoal da lonxa.