Os grupos de acción pesqueira canalizarán 18 millóns para dinamizar as comarcas costeiras

A nova convocatoria para o período 2023-2025 expón outras esixencias en materia de accesibilidade e de loita contra o cambio climático

Nos últimos sete anos as 700 accións desenvolvidas crearon máis de 400 empregos

Un grupo de mariscadoras faenando no esteiro do Anllóns, no Concello de Cabana de Bergantiños

Un grupo de mariscadoras faenando no esteiro do Anllóns, no Concello de Cabana de Bergantiños / mariscadoras do anllóns

O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días a convocatoria de axudas para financiar proxectos que se canalizarán a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), que contarán cun orzamento de 18,4 millóns de euros para iniciativas a desenvolver entre 2023 e 2025, con cargo ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura para o período 2021-2027.

A Consellería do Mar seleccionou oito grupos de acción, entre eles os GALP Costa da Morte e SEO de Fisterra Ría de Muros e Noia, para poder aplicar as estratexias de desenvolvemento local participativo que permitan seguir dinamizando a economía das zonas costeiras.

Os potenciais beneficiarios destas axudas son pequenas e medianas empresas e persoas autónomas e xurídicas sen ánimo de lucro, como as confrarías de pescadores ou outras entidades do sector. Os seus proxecto deberán contribuír a aumentar o valor, crear emprego, valorar o fomento da participación das mulleres, atraer xente nova e promocionar a innovación en todas as fases da cadea de subministración da pesca e da acuicultura.

Outro dos obxectivos das iniciativas é o fomento da economía azul, o aproveitamento do patrimonio medioambiental –incluídas as operacións de mitigación do cambio climático–, o fomento do benestar social e do patrimonio cultural ou o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e a gobernanza dos recursos e actividades marítimas locais.

O xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González, asegura que esta nova convocatoria presenta “moitos cambios”, xa que aumentan os requerimentos en accesibilidade, sostibilidade e medidas para loitar contra o cambio climático, “entre outras esixencias, que requerirán de máis certificacións e informes”.

Ademais, a diferencia de convocatorias anteriores “só haberá un mes para poder presentar os proxectos, co cal este ano vai ser complicado para os promotores que xa teñen avanzadas as súas iniciativas, porque terán pouco tempo para adaptarse ás novas condicións”, engadiu. Non obstante, aqueles plans que no poidan acceder aos fondos da anualidade 2023, poderán volver a optar nas convocatorias de 2024 e 2025.

González asegura que “hai interese por estas nova liña de axudas, e tamén promotores que xa teñen perfilados os seus proxectos”.

Dende o ano 2010, o GALP Costa da Morte xestionou 110 proxectos que xeraron un investimento total de máis de 22 millóns de euros e permitiron crear 35 empresas e 230 postos de traballo, e consolidar máis de 140 empregos.

Pola súa banda, o GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia canalizou dende 2016 máis de 7 millóns de euros a través de máis de 70 proxectos que permitiron crear 60 postos de traballo a tempo completo.

A nivel de Galicia, entre 2016 e 2022 os grupos de acción local pesqueira desenvolveron máis de 700 accións cun apoio público de máis de 37 millóns de euros, as cales supuxeron un investimento total de preto de 80 milóns de euros, así como a creación de máis de 400 postos de traballo a tempo completo.