Cee convida a gozar dun outono cultural que traerá música, literatura, exposicións e teatro

Haberá actividades arredor da memoria histórica e reivindicativas do papel da muller

Participantes no roteiro guiado polo escritor Miro Villar pola vila de Cee

Participantes no roteiro guiado polo escritor Miro Villar pola vila de Cee / Concello de Cee

J. M. Ramos

Unha vez rematado o verán, o Concello de Cee presentou a súa programación cultural e de ocio para o outono e mes de Nadal, pensada para todos os públicos e na que terán cabida desde os musicais ata as presentacións literarias, pasando polas exposicións, o teatro infantil e para adultos, xunto con actividades arredor da memoria histórica e tamén reivindicativas do papel da muller na sociedade actual. Este sábado tivo lugar tamén un roteiro literario pola vila ceense guiado polo escritor local Miro Villar, no que participaron setenta mestres de toda Galicia.

No eido literario, hai que salientar as presentacións das novas obras Chisco Fernández Naval coa súa publicación Ser cetáceo o sábado 30 de setembro, e de Ángel Mañas (autor, entre outras, de Historias del Kronen) o domingo 8 de outubro. O vindeiro día 30 desenvolverase tamén unha xornada arredor das baleas na que se poderá ver a nova escultura de gran formato de Xosé Iglesias.

Non será está a única exposición, xa que en novembro vistarán Cee os traballos presentados ó XVII Premio de Artes Gráficas Jesús Nuñez e en decembro os correspondentes ó XVII Premio de Fotografía Luis Ksado, ambos convocados pola Deputación de A Coruña.

Durante o mes de outubro, como é habitual, chegarán as actividades do Mes da Fundación, tanto para os escolares como para o público en xeral. Ademáis delas, hai que salientar os dous musicais que da man da compañía On beat farán desfrutar tanto a maiores como a cativos. Despois do éxito do ano pasado coa músicas dos 80, El Musical de los 2000 traerá os éxitos de El Canto del Loco, Mónica Naranjo ou Operación Triunfo o venres 6 de outubro. O sabado 21 será o turno para os máis pequenos da casa co Tributo a Aladdin.

En novembro, voltarán un ano máis as Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte, o teatro infantil con Soraya Lema e Ghazafellos, neste último caso cunha obra a partir dun libro da ceense María Canosa, e, por suposto, actividades en torno á muller e a celebración do 25N, cunha sesión de contos para escolares o día 21 e co espectáculo teatral Matrioskas o propio sábado 25. Neste mes, e da man da Deputación de A Coruña, poderase asistir a dous espectáculos: o concerto de Fisión Atlántica Ensemble o dia 7, e o documental O médico dos pobres, que reivindica ó alcalde do Incio, represaliado no ano 1936.

Finalmente, o mes de decembro estará marcado polo Nadal, e dentro del non faltarán as citas habituais como a gala solidaria contra o cancro, o festival dos alumnos da escola de música, o certame de panxoliñas ou o concerto de fin de ano da banda de música de Cee.O encendido do alumeado, a visita de Papá Noel e as actividades para os máis pequenos da casa que lle seguirán na seguinte semana, culminarán no novo ano coa Cabalgata de Reis do 5 de xaneiro.

TEMAS