Melloran a sinalización, os hórreos e o pazo da Illa de Sálvora

O alcalde, no centro, na Illa de Sálvora /Cedida

O alcalde, no centro, na Illa de Sálvora /Cedida / REDACCIÓN

Redacción

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, visitaron a Illa de Sálvora para supervisar os traballos de mantemento elaborados polos alumnos do obradoiro de carpintería da Unidade de Asistencia de Drogodependencias (UAD).

Ademais de formarse, os alumnos realizaron tarefas de mantemento durante os meses de verán, como a conservación das sinalizacións do parque e tamén a restauración de elementos do Pazo, hórreos e mobiliario das casas da Illa de Sálvora.

“Este obradoiro non só lle brinda a posibilidade de aprender un oficio, senón que tamén lle proporciona unha vía para desenvolver a disciplina e a responsabilidade persoal; aspectos cruciais para a súa recuperación e reintegración”, afirmou o concelleiro.

Pola súa parte, o rexedor destacou e agradeceu “o traballo de restauración das estruturas de madeira e a recreación de mobiliario das casas e os hórreos, o que permite conservar a historia da illa e contribúe a poñer en valor o noso patrimonio”.

Así, as accións desenvolvidas na Illa de Sálvora contribuiron a un dobre obxectivo: a formación dos alumnos da UAD e a conservación do patrimonio municipal.