Anulada a declaración de utilidade pública do parque eólico de Corme

É a primeira vez que o TSXG revoga unha expropiación de terreos

Xa rexeitara antes a autorización administrativa e de construción

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a declaración de utilidade pública (DUP) do proxecto de repotenciación do parque eólico de Corme (Ponteceso), imprescindible para a expropiación forzosa dos terreos, xa executada. Desta forma, o alto tribunal galego acolleu o recurso interposto por un particular contra a resolución do 15 de maio de 2020 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas na que declarou a utilidade pública dos predios.

O recurso foi presentado tras a anulación, por parte do TSXG, da autorización administrativa previa e de construción, así como do proxecto sectorial do parque. Por primeira vez, o alto tribunal pronúnciase sobre a declaración de utilidade pública (DUP) do proxecto dun parque eólico cuxos permisos foron anulados polo propio tribunal e entende que debe decaer tamén esa declaración, pois subliña que “a privación singular do lexítimo dereito de propiedade vén condicionada por unha utilidade pública ou interese social, e estes predícanse non en abstracto, senón para finalidades concretas”.

A Sala, formada por cinco maxistrados, destaca o “carácter instrumental e subordinado da declaración de utilidade pública á existencia do proxecto que teña a nota de utilidade pública”, pois “non pode existir se non hai antes (ou coordenadamente) unha autorización para os proxectos enerxéticos”.

“En consecuencia, se non existe un proxecto de construción de instalacións eléctricas, non hai causa de utilidade pública que xustifique un procedemento expropiatorio; e a privación singular do dereito de propiedade carecería de causa”, recalca o TSXG, á vez que indica que a DUP, que no seu día foi acordada para a execución do proxecto “carece de causa”, e, polo tanto, conclue que debe ser anulada, pois “non hai ningún proxecto de utilidade pública que apoie a expropiación pretendida”.

O alto tribunal galego tamén sinala que, neste caso, “houbo un uso indebido do instituto da declaración de utilidade pública e, en consecuencia, da expropiación, con relación a aqueles terreos que estaban conveniados desde 1997”, debido a que se someteu ao procedemento de DUP “uns terreos dos que a empresa dispoñía naquel momento (en base a un convenio que só dous anos máis tarde, e unilateralmente, decidiu rescindir a empresa)”.

Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decreta na sentenza que a tramitación da referida declaración infrinxiu o prazo de sometemento á información pública.

Sinalar, non obstante, que a resolución non é firme, pois contra ela aínda cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.