Santa Baia de Chacín recobra vida

As estruturas da igrexa barroca do século XVI que aínda se conservan foron consolidadas para evitar que sigan deteriorándose

Para celebrar as melloras o Concello organizou un concerto musical que xuntou preto de setenta veciños

O obxectivo é avanzar cara unha rehabilitación integral

Veciños e veciñas da parroquia de Santa Baia de Chachín gozando do concerto musical

Veciños e veciñas da parroquia de Santa Baia de Chachín gozando do concerto musical / c. de mazaricos

A veciñanza da parroquia de Santa Baia de Chacín (Mazaricos) volveu encher de vida a vella igrexa para gozar dun concerto musical e celebrar a consolidación do conxunto histórico. Trátase dun impresionante templo barroco do século XVI, que permanecía en estado de abandono dende o último cuarto do século XX e que foi obxecto de obras de consolidación e mantemento da estrutura logo dun acordo entre o Concello e o Arcebispado de Santiago. Actualmente, atópase libre de maleza e a estrutura reforzouse para evitar a degradación do lugar.

Antes de que comezase a soar a música, o técnico de Cultura do Concello de Mazaricos, Xesús Jurjo, fixo un repaso sobre a historia do lugar e o seu vencello con algúns personaxes históricos mazaricáns.

Pola súa banda, o alcalde, Juan José Blanco, dirixiuse aos veciños lembrando que “xa hai varios anos que comezamos o proxecto de conservación deste ben patrimonial”. Subliñou que ademais do seu valor turístico, “entendemos que ten un valor sentimental para a veciñanza da parroquia, e por iso quixemos que fosedes vós os primeiros en gozar deste recinto”, sinalou en referencia aos veciños e veciñas.

Anunciou asemade que seguirán facendo melloras neste espazo. Nos últimos dous anos, a igrexa pasou de ser unha estrutura en estado de ruína e cuberta de maleza a converterse nun espazo limpo e aberto onde o conxunto histórico loce con todo o seu esplendor.

As actuacións acometidas centráronse na limpeza da maleza que mantiña semioculto o templo e a consolidación das estruturas que aínda seguen en pé. O tellado, lamentablemente, caeu. A intención do goberno local, segundo o rexedor, é poder acometer unha rehabilitación integral da igrexa, pero as actuacións terán que realizarse a medida que dispoñan dos fondos necesarios.

De momento, e para celebrar esta acción de recuperación do patrimonio local, preto de setenta veciñas e veciños da parroquia gozaron dun concerto do grupo Music Glam, en colaboración co artista Anxo, celebrado dentro do recinto histórico da igrexa parroquial.

A actuación incluíu música clásica, versións máis modernas, e coñecidos temas galegos como "Camariñas" ou "Lela", e mesmo bandas sonoras de películas como A Misión e series como Xogo de Tronos. Unha actuación que foi moi aplaudida polos asistentes.

A música seguiu soando durante a fin de semana en Mazaricos, xa que na noite do pasado sábado, no campo da feira da capital municipal, actuaron Os Festicultores, o grupo máis festeiro de Galicia, que presentou o espectáculo Festicultura, o millor para sandar as amarguras. Un concerto que veciños e visitantes poideron gozar de balde.