Camiñar para coñecer con Senda Nova

O 'Outono en Marcha' inclúe sete andainas na comarca de Bergantiños

Participantes nun dos roteiros do Outono en Marcha do pasado ano por terras de Bergantiños

Participantes nun dos roteiros do Outono en Marcha do pasado ano por terras de Bergantiños / cedida

Sete andainas para descubrir e achegarse ao patrimonio natural e histórico da comarca de Bergantiños encherán de contido a décimo segunda edición do Outono en Marcha, un dos proxectos de referencia da asociación ambiental Senda Nova. Voltarán aos camiños e corredoiras para percorrer este ano as terras de Coristanco, A Laracha, Malpica e Carballo.

Quen desexen seguir os seus pasos deberán calzar as botas o próximo domingo, día 8 de outubro, cando terá lugar a andaina inaugural pola Ruta do Xestal, en lembranza do humorista Carlos Díaz, cando se cumpren 30 anos do seu falecemento. Será ademais un roteiro teatralizado, algo novidoso no Outono en Marcha, grazas á colaboración da Aula Municipal de Teatro de Carballo, e froito do convenio de Senda Nova co FIOT. Trátase dunha ruta de 4,3 quilómetros, deseñada pola propia asociación ambiental. Os camiñantes que se apunten serán recollidos por un autobús para levalos aos puntos de partida, nos concellos da Laracha e Coristanco (9.30 horas) e na rúa Venezuela de Carballo (9.45 horas). Haberá tamén servizo de regreso aos lugares de orixe.

A segunda cita será o 15 de outubro para percorrer a Vía Alcaianus, a través de fermosas corredoiras que unen as comarcas de Xallas e Bergantiños. Será a ruta máis longa: quince quilómetros, aínda que todos os percorridos son de dificultade baixa. O domingo seguinte, o día 22, o roteiro discorrerá por Razo e Baldaio para achegar aos camiñantes á xeoloxía carballesa que mira ao mar.

O mes de outubro rematará coa Senda das Capelas, o día 29, con sorpresas en cada recuncho de Montemaior (A Laracha). En novembro, o día 5, percorrerán as Terras do Marqués para visitar pazos en terra farturenta, e o día 12 gozarán da Ruta das Férvedas, a través dunha paisaxe rachada contra as rochas.

O Outono en Marcha 2023 rematará o 19 de novembro cunha ruta polas Pegadas do Wolframio, para achegarse aos espazos que despertaron unha febre polo referido mineral décadas atrás, entre Carballo e Malpica. É precisa a incrición previa ata 2 días antes de cada roteiro.

Case 40 persoas deron a benvida a esta nova edición no acto de presentación que tivo lugar no Espazo da Natureza de Oza, no que participaron Alberto Sueiro, presidente da A. C. Telón e Aparte e director do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), de Carballo; o historiador Evaristo Domínguez Rial, Chelo Álvarez e José Manuel Menéndez Varela, directivos de Senda Nova, ademais de familias familias da Escola Ambiental e socios da entidade.

Dende Senda Nova agradecen a colaboración que lles brindan dende Protección Civil de Carballo, a Rede Galega polo Patrimonio e a Plataforma en Defensa do Monte Neme.