Homenaxe ás baleas en Cee con Fernández Naval e Xosé Iglesias

O encontro converteuse nunha homenaxe a estes mamíferos mariños, cazadas na Costa da Morte

Escultura ‘CEETÁCEA’ de Xosé Iglesias

Escultura ‘CEETÁCEA’ de Xosé Iglesias / cedida

A casa da cultura de Cee acolleu a xornada Faros e cetáceos: Luces e respirar do océano, un encontro que se converteu nunha homenaxe ás baleas, uns mamíferos mariños que décadas atrás foron protagonistas da historia ceense a través da factoría de Caneliñas.

Os protagonistas da xornada foron o poeta, pintor, escultor e mariñeiro ceense Xosé Iglesias, e o escritor afincado en Carnota, Chisco Fernández Naval. O primeiro é o autor da escultura CEETÁCEA. Homenaxe ás baleas cazadas na Costa da Morte, que pode verse na entrada da casa da cultura.

Pola súa banda, Fernández Naval achegou aos asistentes ao acto o máxico mundo das baleas, coa presentación do seu libro que ten por título Ser cetáceo.

Os dous, grandes coñecedores destes mamíferos mariños, estiveron acompañados, ademais de por numeroso público, pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; os poetas ceenses Estevo e David Creus; e polo xornalista muxián da Radio Galega, Xusto López Carril.

Un encontro que marcou o comezo do Outono Cultural en Cee, a onde se achegará o domingo, día 8 de outubro, o escritor Ángel Mañas, autor de Historias del Kronen, para presentar as súas novas creacións literarias.