Deputación e Concello asinaron o convenio para redactar o proxecto da residencia de maiores de Rianxo

Ubicarase a carón do instituto e terá unhas cincuenta prazas

Formará parte dun plan piloto xunto ás de Ordes e As Pontes

Valentín González, esquerda, e Bustelo, tras asinar o convenio para redactar o proxecto da residencia

Valentín González, esquerda, e Bustelo, tras asinar o convenio para redactar o proxecto da residencia / d.c.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, asinaron onte o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores que a institución provincial financiará no municipio.

No texto específicase a posta a disposición dos terreos por parte do Concello no SU Rianxiño Z13, así como unha achega económica de 38.500 euros por parte da Deputación para financiar tanto o proxecto técnico como o estudo xeotécnico.

Construirase nun terreo de 10.000 m2 a carón do IES Félix Muriel, en Rianxiño, e terá unhas 50 prazas.

A raíz do estudo realizado pola Deputación para a diagnose e plan de acción en materia de servizos sociais na provincia, detectouse unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores, especialmente de tipo residencial. “As residencias existentes no territorio non responden á demanda real, ademáis de ser en moito casos de titularidade privada”, engaden dende dita administración.

“Froito do sistema existente, moitos maiores vense lonxe do seu entorno, ao non existir recursos próximos, fomentando o desarraigo e unha imposibilidade de seguir vinculados ao núcleo familiar, ocasionando episodios de soidade non desexada”, explican.

Nace así a vontade da Deputación da Coruña de facer un proxecto piloto para a redacción dos proxectos básicos de tres residencias de carácter comarcal, en localizacións escollidas polo seu devalo demográfico. Do estudo realizado concluiuse que as localizacións idóneas para este proxecto piloto de residencias son Ordes, As Pontes de García Rodríguez e Rianxo, municipios nos que a Deputación coruñesa desenvolverá tres residencias de maiores dentro deste proxecto, cun investimento previsto de seis millóns de euros.

Por outra banda, o Concello adxudicou a Sergonsa por 1.166.043 € e un prazo de 9 meses a restauración do histórico Pazo do Martelo. Asimesmo, Bustelo está á espera de ser recibido pola conselleira de Política Social e Xuventude para retomar o ansiado proxecto para converter o Pazo de Rianxiño nun centro de día.