Ribeira ‘codéase’ cos museos alemáns

O 'templo' do gravado, ubicado na pequena aldea de Artes, cederá obras de autores galegos aos nove centro museísticos de Augsburgo, así como a colección 'Os Caprichos de Goya e Dalí'

O director desa rede cultural da cidade bávara, Cristof Trepech, coñeceu na instalación ribeirense cadros de Picasso e Laxeiro

Pola dereita, Javier Expósito, Cristof Trepech, Marie Gaté-Stallforth, Luís Pérez e amigos da profesora, vendo obras de Colmeiro en Artes / c.r.

Pola dereita, Javier Expósito, Cristof Trepech, Marie Gaté-Stallforth, Luís Pérez e amigos da profesora, vendo obras de Colmeiro en Artes / c.r. / suso souto

O director dos Museos de Augsburgo, Cristof Trepech, e a profesora alemá Marie Gaté-Stallforth visitaron Ribeira para coñecer os fondos do Museo do Gravado de Artes. Trepech e Stallforth foron recibidos polo alcalde e presidente da fundación de dito centro, Luís Pérez; o vicepresidente, Javier Expósito; e o director, Pastor Rodríguez Santamaría.

Durante o percorrido visitaron as exposicións e puideron ollar cadros de Picasso, Dalí, Goya, Piranesi, Colmeiro ou Laxeiro, entre outros. Tanto Trepech como Stallforth destacaron a grande colección que hai en Artes e mostraron a vontade de colaboración para establecer conexión cos museos de Augsburgo.

O Concello destaca que o Museo do Gravado “está gañando moita relevancia a nivel internacional” e que cada vez son máis os intercambios culturais que ofrecen a posibilidade de que se expoñan en grandes museos do mundo obras pertencentes ó ubicado na pequena aldea de Artes.

“Imos traballar para potenciar o museo como centro de dinamización cultural e económica de Ribeira cedendo obras para que nos coñezan e atraer cada vez a máis visitantes”, sinalou o alcalde ribeirense.

Trepech ficou impresionado pola colección e agradeceu a boa acollida. O director alemán confirmou que a primeira exposición que levarán a Alemaña será a titulada Os Caprichos de Goya e Dalí. Tamén se fará un convenio de colaboración cos nove museos de Augsburgo para levar obras de autores galegos, como Facal, Colmeiro, Alfonso Costa ou Ayaso.

Por outra banda, o Museo do Gravado acolle ata o día 9 de novembro a exposición A imitación de Cristo, de Tomás A. Kempis, que amosa os gravados da tradución de Pierre Corneille (dramaturgo e académico francés, 1606-1684).

Expóñense 57 augafortes orixinais de 1651 dos gravadores franceses H. David, Duclos e R. Dudot. A imitación de Cristo é un dos libros espirituais cristiáns máis lidos que existen. Foi publicado por primeira vez de xeito anónimo en latín, ao redor de 1418. Propuxéronse varios autores, pero a autoría de Kempis agora está xeralmente aceptada. Está considerada a perla de todos os escritos da escola mística xermano-holandesa dos séculos XIV e XV e, xunto coas Confesións de San Agustín e o Pilgrim’s Progress de John Bunyan, ocupa un lugar destacado, senón o principal, entre os manuais de devoción, tras a Biblia.

O número de edicións contabilizadas supera as 2.000 e o Museo Británico conserva 1.000 edicións diferentes. Unha das primeiras traducións do latín ao francés fíxose xa en 1447 de xeito manuscrito. As primeiras copias impresas en francés apareceron en Toulousse en 1488. A tradución alemá máis antiga foi realizada en 1434 por J. de Bellorivo.