Mellora de 64 paradas de bus en estradas autonómicas de Área: a Xunta licita as actuacións por case 2,2 M€

As paradas de autobús que se van acondicionar están situadas en 14 estradas ao seu paso polos concellos de Ames, Brión, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Santa Comba, Vimianzo e Zas

As actuacións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación

As empresas interesadas en executar estas obras teñen ata o 7 de novembro para presentar as súas ofertas

Exemplo de planta de actuación nas paradas de autobús das estradas autonómicas

Exemplo de planta de actuación nas paradas de autobús das estradas autonómicas / Xunta

ECG

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar por 2.198.447 euros as actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade de 64 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle a publicación do inicio da contratación desta actuación nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de novembro.

O obxecto desta actuación abrangue a mellora deste conxunto de 64 paradas de autobús situadas en 14 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia. A través do contrato licitado, a Xunta levará a cabo o acondicionamento de 13 paradas en Santa Comba; 9 en Ames; 21 en Brión; 2 en Camariñas; 1 en Cee, 1 en Corcubión, 4 en Dumbría, 7 en Fisterra, 2 en Vimianzo; e 4 en Zas.

As obras previstas

As obras previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer os usuarios aí onde poida haber desniveis.

No eido destas intervencións, en primeiro lugar, priorizarase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Tamén se actuará na mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluídas neste contrato tamén prevén medidas de seguridade, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e da iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.