Boqueixón

Lestedo aspira a que a Festa da Filloa sexa de interese nacional

Pratos de filloas na festa de Lestedo

Pratos de filloas na festa de Lestedo / C. B.

Redacción

O pleno da Corporación de Boqueixón apoiou por unanimidade a solicitude da Asociación Cultural da Filloa para que a Festa da Filloa de Lestedo sexa declarada de Interese Turístico Nacional. “Estamos seguros de que cumpre cos requisitos necesarios e así queda acreditado na documentación técnica presentada, que amosa unha vez máis o gran traballo tanto da asociación como dos veciños e veciñas”, asegurou o alcalde, Ovidio Rodeiro.

Deste xeito, a Asociación Cultural da Filloa sumará este apoio plenario a toda a documentación recollida nunha memoria explicativa de case 800 páxinas que presentará diante da Secretaría de Estado de Turismo. “Sería un gran éxito para todo Boqueixón e, sobre todo, para a parroquia de Lestedo”, apuntou Ovidio Rodeiro, quen subliñou que “a Festa da Filloa cumpre con todos os requisitos: antigüidade, continuidade no tempo, arraigo, valor cultural, difusión e accións promocionais”.

A Festa da Filloa de Lestedo celebrou este ano a 40 edición, na que congregou no seu día grande a máis de 40.000 persoas, que degustaron máis de 50.000 filloas. A cita gastronómica xa foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia o 25 de febreiro de 2008 e é unha das máis senlleiras da comunidade.