Becas á excelencia académica en Cee

A Fundación Fernando Blanco premiou os cinco mellores expedientes do instituto ao que dá nome

As notas medias dos galardoados oscilaron en 8.83 e 10

Xa no ano 1886 o centro distinguía os seus alumnos

No acto eloxiaron a figura e o altruísmo do filántropo e promotor do complexo educativo

Autoridades, profesores, directivos da fundación e patrocinadores cos premiados

Autoridades, profesores, directivos da fundación e patrocinadores cos premiados / rafa quintáns

A Fundación Fernando Blanco de Lema e o instituto de Cee ao que dá nome fixeron entrega este venres dos Premios Académicos do curso 2022-2023 aos estudantes Manuel Orazio Ozón Alaimo (de 3º da ESO), Camilo Pablo Rodríguez Espasandín (1º Bacharelato), Sonia Beatriz Ramos Mouzo (Módulo II de Educación para Persoas Adultas), Bárbara Iglesias Pérez (1º Ciclo Medio de Xestión Administrativa); e Paula Quintáns Prieto (1º Ciclo Superior de Administración e Finanzas).

Ao igual que en edicións pasadas, ditas becas-premio teñen por finalidade distinguir aos cinco mellores expedientes académicos do IES Fernando Blanco de Cee. Todos eles aprobaron as materias en xuño e con notas medias que oscilaron entre 8,83 e 10. Cada un deles recibiu 500 euros (220€ en metálico e 280€ en vales de compra para consumir en establecementos colaboradores).

A iniciativa xurdiu no curso 2011-2012 cun dobre obxectivo: recoñecer e premiar o esforzo, aplicación e resultado do alumnado do centenario instituto ceense, e recuperar unha tradición histórica da entidade, posto que xa no regulamento de 1886 recollíase a necesidade de agasallar os mellores expedientes de cada curso. Ao longo das edicións anteriores foron agasallados un total de 55 alumnos do centro educativo.

Entrega das becas

A cerimonia de entrega das becas celebrouse no salón de actos do IES Fernando Blanco, e estivo presidida pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, á que acompañaron concelleiros da Corporación local; a inspectora de Educación, Magdalena Duarte Blanco; o secretario da Fundación Fernando Blanco, Darío Areas Domínguez; a directora do instituto, Sonia López; profesores e integrantes do padroado da fundación; familias e alumnos dos distintos cursos.

O acto comezou coa tradicional ofrenda floral no sepulcro de Fernando Blanco “como mostra de cariño, admiración e eterna gratitude”, afirman. Os acordes do Himno do Antigo Reino de Galicia, interpretados á gaita pola alumna Iria Picallo, amenizaron a cerimonia. Despois tres alumnas e dous profesores interpretaron Tu gitana, de Luar na Lubre, e Imagine, de John Lennon.

A alcaldesa, a directora, o secretario da fundación e o alumnado premiado eloxiaron a figura de Fernando Blanco de Lema e o seu altruísmo, “froito do cal Cee conta cun dos centros educativos de referencia en Galicia dende finais do século XIX, que é tamén motor do desenvolvemento cultural e social da vila”.

As becas foron patrocinadas polas empresas colaboradoras O Semáforo de Fisterra; Centro Comercial Finis Terrae; Aurora Sport Dequip; Ler Librerías; Fersi Papelería; Cabo Sport; Parques e Xardíns Manuel García; Aplicacións Informáticas Costa da Morte; Roberto G. Rigaut Mapfre; Inforneria e Abanca.